Barreiros acada o compromiso do Estado de poñer en valor o círculo lítico da Roda

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
28 Out 2019

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e a segunda tenente de alcaldesa, Carmen Veiga, desprazáronse a Madrid onde mantiveron reunións con responsables dos Ministerios de Fomento e Transición Ecolóxica para trasladar cuestións de interese para o municipio barreirense. O executivo local valora moi positivamente os encontros mantidos cos responsables ministeriais, onde acadaron o compromiso do Ministerio de Fomento de actuar no xacemento de A Roda para a súa consolidación e posta en valor coordinadamente co departamento de Patrimonio Cultural da Xunta, con cuxos responsables xa mantivo conversas a mandataria municipal.

“Temos a obriga de pular pola protección e a posta en valor do patrimonio cultural do noso concello. E neste caso, temos a sorte de contar en Barreiros con un xacemento moi singular e situado en terreos do Ministerio de Fomento, no que ademais existe interese arqueolóxico por parte do servizo galego; polo que sería irresponsable non ter a iniciativa  para xestionar actuacións que redundan en beneficio do concello e que nos permitirá divulgar e promocionar un xacemento senlleiro”, declarou Ana Ermida.

O compromiso do Ministerio de Fomento foi claro á hora de asegurar a intervención baixo as directrices do servizo competente da Xunta de Galicia, polo que se iniciarán os contactos para a execución dos mesmos.

POLÍGONO. O goberno barreirense tamén trasladou a necesidade de que se recolla a previsión de conexión do polígono de Barreiros co enlace da A8 e a A74, para aproveitar o potencial do mesmo e garantir a mellor comunicación posible. Carmen Veiga explica que “desde o Ministerio comunicaranse coa demarcación de estradas en Galicia para que se manteñan conversas co consistorio para tratar de solventar tecnicamente as deficiencias que poidan existir.”

DEPURADORA. Na reunión mantida con responsables do Ministerio de Transición Ecolóxica,  adquiriuse o compromiso de trasladar a demanda barreirense aos departamentos implicados na execución do plan hidrolóxico Galicia Costa, así como de estudar a prioridade da actuación a nivel autonómico para poder valorar unha colaboración interadministrativa; así como a posibilidade de implicación da administración estatal no finanzamento das obras necesarias.

Desde o goberno municipal consideran “moi importante” ter mantido esta reunión, xa que “nos sitúa nunha boa posición de inicio, con todas administracións ao corrente das necesidades e co compromiso de tirar na mesma dirección para poñerlle solución a un problema que se arrastra desde hai moitos anos.”

A alcaldesa puxo en valor o feito de ser recibidas polo departamento ministerial e sinala que “na dirección xeral da auga, Barreiros estivo ao mesmo nivel que executivos autonómicos que hoxe tamén estaban sendo recibidos por responsables ministeriais. Trátase de situar a Barreiros no mapa e poñelo no centro das políticas e nas prioridades á hora de cubrir os servizos para as veciñas e veciños”, sinala. Nese sentido, o goberno municipal asegura que seguirá “petando a todas as portas e facendo todas as xestións necesarias para acadar unha solución ao problema da depuración de augas residuais en Barreiros.”

0.18820214271545