Barreiros e Ribadeo solicitarán un obradoiro de emprego conxunto
Os Concellos de Ribadeo e de Barreiros van solicitar á Xunta de Galicia un obradoiro de emprego conxunto para a conservación e dixitalización dos seus arquivos históricos municipais. No caso de Ribadeo xa leva varios anos realizando este tipo de obradoiros e catalogando os seus fondos, pero aínda queda traballo por facer. Esta celebrarase un pleno extraordinario urxente no Concello de Ribadeo para abordar o convenio administrativo de colaboración co de Barreiros para o desenvolvemento dese obradoiro. E esta mañá Fernando Suárez e Ana Ermida visitaron o arquivo de Ribadeo.
O alcalde ribadense, Fernando Suárez, lembrou que “xa levamos varios anos traballando nesta dixitalización, ordenación e restauración do arquivo histórico municipal de Ribadeo, que ten varios séculos de antigüidade e con moitísima información, co cal é unha marabilla non soamente para os veciños senón para todos os estudosos da historia e tamén para o día a día dunha administración pública como é o Concello de Ribadeo”.
O rexedor sinalou que “con este éxito que desde hai anos estamos facendo con estes obradoiros entre a Xunta e o Concello, desta volta queremos dar un paso máis adiante e solicitar un novo obradoiro colaborando con Concello veciño de Barreiros, que ten unhas características no seu arquivo que tamén está desordenado, como estaba o noso e que nestes últimos anos fomos facendo grandes avances e melloras, pero que aínda non temos rematado. De aí que queiramos conxuntamente plantexarlle este novo proxecto á Xunta de Galicia para, se o ten a ben, nos volva sufragar un obradoiro destas características sabendo que o resultado do traballo, ademais do traballo que xera para a xente que participa neste obradoiro e para a súa formación, tamén para o Concello de Ribadeo é moi positivo”.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, declarou que “no caso do Concello de Barreiros tratamos de aproveitar a experiencia e as sinerxias que poden xurdir co Concello de Ribadeo, porque este é un obradoiro no que eles xa levan anos traballando e que para Barreiros nos pode beneficiar, por un lado para poñer a disposición do público o arquivo histórico que poida existir, facelo público, dixitalizado e conservalo. Tamén para facilitar o traballo mesmo dos empregados municipais á hora de organizar o arquivo municipal e facilitar o acceso á información, ademais de contribuír á formación profesional das rapazas e rapaces entre 18 e 30 anos e así consolidar que poidan desenvolverse profesionalmente nos nosos concellos”.
Ana Ermida e Fernando Suárez pasaron esta mañá polo obradoiro Ribadeo alén do Camiño, que se desenvolve no Concello de Ribadeo e coñeceron o traballo que as súas 20 alumnas e alumnos están a realizar desde finais do pasado mes de novembro e ata o vindeiro mes de agosto. Tamén visitaron o arquivo histórico municipal, onde puideron ver planos dunha colexiata de 1787.