Barreiros iniciou os trámites para un punto de recarga de vehículos eléctricos

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
9 Oct 2019

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e o concelleiro de medio ambiente, Dámaso Ratoeira, acompañaron aos técnicos da comercializadora EDP na visita que realizaron a Barreiros para valorar a ubicación proposta polo goberno municipal para a colocación dun punto de recarga para vehículos eléctricos.

O concelleiro de medio ambiente manifesta que “o feito de que Barreiros poida contar con un punto de recarga para vehículos eléctricos é unha moi boa nova a nivel medioambiental, pola incidencia cada vez maior deste tipo de vehículos para a redución de emisión de substancias ao medio; pero tamén a nivel turístico, xa que nos permitirá situar a Barreiros como punto de referencia para persoas usuarias de vehículos eléctricos, cada vez máis en uso, especialmente en cidadáns de estados como Alemaña ou o Reino Unido.”

Desde o goberno municipal destacan que “a aposta do goberno municipal é por poñer en valor enerxías alternativas, respectuosas co medio e situar a Barreiros como referente nas medidas medioambientais e de respecto ao medio ambiente.”

O Concello de Barreiros ten previsto asinar un convenio de colaboración coa sociedade EDP, logrando mediante unha cesión do espazo, a colocación do punto de recarga; unha vez que se realicen os trámites técnicos e administrativos necesarios.

EDP é unha sociedade que como xestor de carga se dedica, entre outras actividades, á prestación de servizos enerxéticos relacionados coa mellora da eficiencia enerxética, mediante a realización de investimentos e execución de proxectos necesarios para optimizar a calidade e a eficiencia enerxética, entre outros mediante o impulso e a promoción da utilización do vehículo eléctrico. Esta compañía vén desenvolvendo un plan de colocación de puntos de recarga de vehículos eléctricos por todo o norte cantábrico e mostrou o seu interese en Barreiros, pola boa comunicación do municipio en materia de infraestruturas e como porta de entrada a Galicia.

0.16692996025085