Barreiros licita o arranxo de vías municipais por valor de máis de 50.000 euros

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O goberno municipal de Barreiros vén de licitar obras de mellora e arranxo de vías municipais por un importe de 39.
Vidal Baamonde na xornada sobre patrimonio e recursos turísticos
8 Xuño 2020

O goberno municipal de Barreiros vén de licitar obras de mellora e arranxo de vías municipais por un importe de 39.741,46 euros máis IVE, correspondentes ao aforro obtido na adxudicación do plan único do 2019.

Segundo explica o concelleiro de obras, Antonio Veiga, “trátase de levar a cabo pequenas actuacións sobre a rede viaria municipal para tratar de que chegue a un estado de partida mínimo e, a partir desa situación, poder acometer melloras máis substanciais.”

As vías que se inclúen no proxecto para realizar arranxos nelas son o Camiño Novo en Reinante, acceso a barrio de Suigrexa, en Benquerencia; acceso a Fixoucos en Vilamar; acceso ao Barral en Celeiro; acceso na Rilleira e acceso desde o Teleclub en Vilamartín Pequeno

Pola contía dos traballos, a tramitación correspóndese con un contrato menor que podería adxudicarse directamente. Porén, o goberno municipal optou por solicitar oferta a todas as empresas que participaron na licitación inicial do plan único do 2019 e valorar o arranxo doutras vías complementarias para adxudicar, valoradas en 9.065,12 euros máis IVE.

Así, ademais dos camiños incluídos no principal, as obras de arranxos poderán, en función das ofertas das empresas participantes, incluír arranxos na Baixada á Insua, acceso no Rego do Molido en Benquerencia, acceso en Vilamartín Grande desde a subida a Trabada, acceso en Novás en San Xusto, acceso desde Vilar ás vivendas sociais, en San Cosme, camiño dos Campos en San Miguel e camiño do Barreiro en Reinante.

Pendentes da resolución do plan marco de camiños para licitar máis arranxos.

O goberno municipal agarda tamén pola resolución por parte da Xunta de Galicia da solicitude de axuda con abeiro ao Plan Marco de Camiños 2020-2021 para poder licitar o arranxo dos camiños de acceso desde a N-634 a San Miguel, camiño de Escanlar ao Canteiro e accesos a Abelleira; todos eles en Benquerencia.

O importe de execución na licitación destes camiños en Benquerencia ascende a 36.635,68 euros máis IVE, que se executará entre este ano e o seguinte.

Elaboración dos proxectos para o plan único 2020. 

Nestes momentos, o equipo de goberno atópase ultimando a solicitude do Plan Único da Deputación para o ano 2020, no que tamén se incluirán obras de arranxos e melloras de viais. Antonio Veiga explica que “o que se está tratando é de atallar os problemas viarios máis importantes e de realizar actuacións en todas as parroquias, para tentar chegar a uns mínimos de mantemento e despois programar a medio prazo actuacións de maior calado na rede viaria.”

0.11885809898376