Barreiros publica un bando con normas de recollida de lixo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Barreiros vén de emitir un bando no que se establecen unhas normas mínimas para a recollida de residuos voluminosos e restos vexetais que realiza o persoal municipal.
19 Ago 2019

O Concello de Barreiros vén de emitir un bando no que se establecen unhas normas mínimas para a recollida de residuos voluminosos e restos vexetais que realiza o persoal municipal.

A alcaldesa, Ana Ermida, explica que “nos últimos tempos tense detectado un incremento do depósito de residuos, tanto voluminosos como vexetais, en moitas ocasións sen ningún tipo de control; o que supón por un lado unha moi mala imaxe do noso concello, ao estar os residuos depositados na vía pública, e por outro lado, un custo moi elevado para a administración local, que ten que asumir a recollida con medios propios e dun xeito desorganizado, o que incrementa o tempo que leva prestar o servizo.”

Por este motivo, desde o concello anúnciase a recollida de residuos vexetais os martes e de voluminosos, os xoves. A recollida realizarase previa anotación que pode ser por calquera vía de comunicación  (982.12.40.02) para que se poidan organizar rutas que contribúan a aproveitar mellor os recursos públicos.

Desde o goberno municipal piden a colaboración da veciñanza para tentar manter unha imaxe limpa do noso concello e lembran que está prohibido depositar residuos en lugares públicos e/ou a carón dos colectores de lixo.

Ana Ermida lembra que á chegada deste goberno municipal fíxose un esforzo, no que foron parte fundamental os traballadores municipais que se prestaron a realizar eses traballos, por recoller unha cantidade de residuos inxente que levaban meses acumulados e que daban unha imaxe nefasta do municipio. “Para evitar que esta situación volva a producirse e que os residuos de todo tipo campen ás súas anchas polas vías municipais, é fundamental ter un control dos mesmos, porque ademais iso permite optimizar a utilización dos escasos recursos municipais, tanto materiais como humanos”, asegura.

Ademais da necesidade de anotarse previamente para a recollida, que será organizada e notificada posteriormente polo persoal municipal, márcanse unha serie de condicións para o depósito de restos vexetais. Así, O depósito de restos vexetais debe realizarse en bolsas pechadas, sempre que sexa posible. Se o material non o permite, por ser pólas ou ramallos, deben prepararse gavelas amarradas dun máximo de 50cm de diámetro e 1m de lonxitude, a efectos de facilitar a recollida.

Con estas indicacións, “só se trata de organizar os servizos municipais e contribuír a unha imaxe limpa do noso concello, na que todas e todos debemos contribuír, porque redunda no beneficio xeral”, afirman. Nese sentido, a alcaldesa agradece a colaboración veciñal para que estas medidas sexan o máis eficientes posible.

0.14656496047974