Becerreá acolle unha charla para familias sobre a importancia de poñer límites na crianza

O Centro Sociocultural de Becerreá acollerá este sábado, 3 de outubro, ás 11:00 horas, a charla "Debo poñer límites? Si, por favor!", organizada pola Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy. O encontro estará dirixido especialmente a familias con crianzas menores de seis anos e permitirá compartir experiencias, debater e reflexionar sobre os retos da educación na primeira infancia.
A sesión será impartida por Cristina Feijoó Varela, pedagoga especializada en primeira infancia e orientadora da Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy. Durante a actividade abordaranse cuestións relacionadas coa difícil tarefa de educar e co papel dos límites no desenvolvemento dos nenos e nenas.
A charla forma parte do proxecto "Espazo das Familias", que a Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy desenvolve no Concello de Becerreá todos os xoves en horario de tarde. A iniciativa conta co apoio do Concello, que concede á entidade unha subvención nominativa de 1.200 euros.
A actividade será gratuíta e estará aberta a todas as familias e persoas interesadas que teñan ou traballen con crianzas menores de seis anos.