Becerreá acolle unha formación sobre manexo e seguridade no emprego da motoserra

LugoXa
O concello de Becerreá acolle dende o próximo luns 17 de outubro unha formación sobre o manexo e seguridade no emprego da motoserra
motoserra
12 Out 2022

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar no Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Becerreá unha formación sobre o manexo, mantemento e seguridade no emprego da motoserra. O curso impartirase ao longo de seis días en horario de mañá, desde ás 8.45 ata ás 15.00 a partir do vindeiro luns 17.

O obradoiro ten como obxectivo proporcionar aos alumnos, mediante unha parte teórica e outra práctica, os coñecementos necesarios sobre as partes, o funcionamento e o mantemento do motor de dous tempos dunha motoserra para que sexan capaces de realizar o mantemento adecuado do órgano de corte, ademais de que coñezan os EPIS e tomen conciencia da súa importancia en empregalos cando se traballa coa motoserra. Así mesmo, abordaranse outros temas como as diferentes métodos de traballo no apeo, tronzado e esgallado das árbores e mesmo se ensinarán diferentes técnicas de primeiros auxilios.

Esta iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. A preinscripción pode realizarse aquí cubrindo os datos necesarios e o coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 828 367, ou enviarse un correo a cfea.becerrea@xunta.gal.

0.18501996994019