Becerreá acollerá a exposición ‘Destino’, unha peregrinación do fotógrafo Manuel Valcárcel

LugoXa
A mostra poderá visitarse na Casa do Concello do 18 de marzo ao 19 de abril con imaxes documentais tomadas en Galicia, o Tíbet, Senegal e México
exposición-Destino-Becerreá
7 Mar 2026

A Casa do Concello de Becerreá acollerá do 18 de marzo ao 19 de abril a exposición Destino, unha peregrinación, do fotógrafo galego Manuel Valcárcel. A mostra poderá visitarse de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas.

A exposición reúne unha serie de fotografías documentais que percorren catro peregrinacións realizadas en catro países de distintos continentes: o Tíbet, Senegal, México e Galicia. A través destas imaxes, o autor constrúe unha narración visual na que as diferentes historias e realidades aparecen conectadas entre si.

Nas catro viaxes que compoñen o proxecto, Manuel Valcárcel aborda cuestións profundamente humanas como a familia, a emigración, o envellecemento, a sustentabilidade ou a idea de fogar. A fotografía convértese así nunha ferramenta narrativa que permite explorar estas temáticas desde unha perspectiva persoal.

A mostra propón tamén unha reflexión sobre a propia viaxe, tanto interior como física, na que o fotógrafo conecta experiencias e culturas diversas para ofrecer unha mirada sobre realidades afastadas xeograficamente, pero unidas por preocupacións comúns da humanidade.

0.12877178192139