Becerreá celebra o 20 de decembro a Feira do 12 cunha homenaxe a Helena Villar Janeiro

LugoXa
A Praza do Concello acollerá unha xornada dedicada ao produto local, con música tradicional e un espazo para vendedores de excedentes
Feira-do-12-Becerreá
11 Dec 2025

A Praza do Concello de Becerreá converterase o 20 de decembro no epicentro da tradicional Feira do 12, unha cita organizada pola Asociación Rente Ao Couce e dedicada ao produto local que nesta edición inclúe música, encontro veciñal e unha homenaxe especial á escritora e académica Helena Villar Janeiro. As actividades darán comezo ás 10:00 horas coa apertura dos postos e dun recuncho de encontro pensado para facilitar a interacción entre produtores e visitantes.

Ao mediodía, ás 12:00 horas, a feira encherase de ambiente festivo coa actuación musical e o baile do grupo Vai Rañala Meu, procedente de Trasancos. Xa ás 13:00 horas terá lugar un dos momentos máis destacados da xornada coa entrega do Foucín de Honra a Helena Villar Janeiro, nun acto conducido pola presentadora Brenda Mondelo.

A organización explica que este ano se habilitará tamén un espazo específico para vendedores de excedentes que non poidan instalar posto propio. A iniciativa permitirá que produtores e compradores poidan contactar de maneira directa mediante un pequeno taboleiro no que anunciar produtos dispoñibles. Este recuncho está dirixido a persoas con excedentes de horta, vendedores de pitos, galiñas, coellos e outros animais de pequena escala, así como a artesáns da comarca.

A Feira do 12 conta coa organización de Frente ao Couce e coa colaboración do Concello de Becerreá, ademais do apoio da Deputación de Lugo e do programa Os Ancares Lucenses – Reserva da Biosfera, vinculado á UNESCO, que contribúen ao desenvolvemento desta actividade que cada ano congrega veciñanza e produtores nun ambiente de tradición e interese polo produto local.

⚙ Configurar cookies
0.078351974487305