Becerreá celebra o Entroido cun desfile, concurso de disfraces e cea popular

O Concello de Becerreá acollerá o sábado 14 de febreiro unha nova edición do Entroido, unha celebración que encherá a vila de música, cor e ambiente festivo ao longo de toda a tarde e da noite. A programación inclúe un concurso de disfraces que se desenvolverá na Nave do Mercado Gandeiro, cun desfile previo que sairá ás 18.00 horas desde o Centro Social e percorrerá as rúas da localidade.
A partir das 20 horas terá lugar tamén un desfile infantil no Mercado Gandeiro, pensado para a participación dos máis pequenos, reforzando o carácter familiar dunha cita xa consolidada no calendario festivo do municipio. O concurso repartirá premios para as comparsas, cun primeiro galardón de 300 euros, un segundo de 150 euros e un terceiro de 75 euros, ademais de recoñecementos ao mellor disfrace individual e á mellor parella, dotados ambos con 75 euros.
A xornada completarase cunha cea de Entroido a partir das 22 horas, cun prezo de 27 euros para as persoas adultas e de 15 euros no caso do menú infantil, mentres que os nenos e nenas ata 6 anos poderán asistir de balde. O menú inclúe sopa de cocido, cocido completo, postre, viño tinto, auga, refrescos, café e licores, mentres que a opción infantil contará con salchichas, nuggets de polo e patacas fritas. O prazo para realizar reservas remata o 10 de febreiro.
A celebración conta coa colaboración de distintas entidades e busca consolidar o Entroido de Becerreá como un referente comarcal, combinando tradición, participación veciñal e oferta lúdica para todas as idades.