Becerreá celebrará o seu IV Concurso de Tapas con sete establecementos participantes

LugoXa
A cita gastronómica terá lugar do 27 ao 29 de novembro, cun prezo de 3,50 euros por tapa, e permitirá ao público probar as propostas dos locais, votar polas súas favoritas e entrar no sorteo dunha comida ou cea
tapas-becerreá
14 Nov 2026

Becerreá volverá apostar pola gastronomía local coa celebración da cuarta edición do seu Concurso de Tapas, que terá lugar durante a fin de semana do 27 ao 29 de novembro. A iniciativa, organizada polo Concello, contará coa participación de sete establecementos hostaleiros, que ofrecerán as súas propostas culinarias para animar a veciñanza e visitantes a percorrer os locais e descubrir a súa oferta gastronómica.

Nesta edición participarán Coco Loco, Loureiro, O Rincón de Ancares, Stop, Da Lama, O Rincón e Rivera. Cada tapa terá un prezo de 3,50 euros. O horario será o venres 27 de 19:30 a 23:30 horas, mentres que o sábado 28 e o domingo 29 os establecementos servirán as tapas de 12:30 a 15:30 horas e de 19:30 a 23:30 horas.

As persoas participantes poderán recoller un folleto-pasaporte nos propios locais, no que deberán puntuar cada unha das tapas que proben. Para que a valoración sexa válida, o folleto terá que contar tamén co selo de cada establecemento. Ademais, cada local disporá dunha furna na que depositar os votos.

O concurso incluirá tamén un sorteo dunha comida ou cea entre as persoas que completen o percorrido polos sete establecementos, coa correspondente puntuación e todos os selos no pasaporte.

Con esta cuarta edición, Becerreá busca dinamizar a hostalaría local e converter a gastronomía nun atractivo máis para gozar da vila durante unha fin de semana, ao tempo que se dá visibilidade ao traballo dos negocios participantes.

0.15143990516663