Becerreá celebrará o seu magosto popular o 7 de novembro

O aroma das castañas asadas e os sabores da gastronomía tradicional protagonizarán o magosto popular que o Concello de Becerreá organizará o sábado 7 de novembro. A celebración comezará ás 20:00 horas na Nave do Mercado Gandeiro, cunha proposta pensada para compartir unha noite de festa e convivencia.
A xornada combinará música e actividades de lecer, con inchables para os máis pequenos, ademais dunha degustación de produtos típicos desta celebración do outono. O menú incluirá castañas, chourizo, touciño, pan de centeo, viño e biscoito.
A cita permitirá reunir veciñanza e visitantes arredor dunha das tradicións máis características desta época do ano.