Becerreá contará en marzo coa exposición 'Destino. Unha peregrinación de Manuel Valcárcel'

LugoXa
O Concello de Becerreá, ABANCA e Afundación, a Obra Social de ABANCA, rubricaron o acordo de colaboración para expoñer a mostra «Destino.
exposicion-becerrea
1 Mar 2026

O Concello de Becerreá, ABANCA e Afundación, a Obra Social de ABANCA, rubricaron o acordo de colaboración para expoñer a mostra «Destino. Unha peregrinación de Manuel Valcárcel». Ao acto asistiron Manuel Martínez Núñez, alcalde de Becerreá; Alberto Ares, director da oficina de ABANCA en Becerreá; Carlos Teijeiro Pita, coordinador institucional de ABANCA en Lugo; e Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo.

Nas catro peregrinacións do fotógrafo galego Manuel Valcárcel fálasenos de familia, de emigración, de envellecemento, de sostibilidade e de fogar, grandes temas da humanidade que nesta exposición afloran a través da viaxe interior e física de Valcárcel e das súas potentes imaxes cargadas de emoción, vida e cor. «Destino» amosa catro peregrinacións en catro países de catro continentes −O Tíbet, O Senegal, México e Galicia−, alicerzándose na fotografía documental como ferramenta narrativa e contando distintas historias unidas por un mesmo fado. Poderase visitar ata o vindeiro 17 de abril, de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 h.

Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

0.12139987945557