Becerreá, Navia de Suarna e Castaño y Nogal asinan o compromiso para renovar o distintivo Sendeiro Azul da Ruta Quintá–Río Donsal

O Concello de Becerreá acolleu a sinatura do documento de compromiso para renovar en 2027 o distintivo Sendeiro Azul da Ruta Quintá–Río Donsal (PR-G 159). No acordo participaron a Asociación Castaño y Nogal e os concellos de Becerreá e Navia de Suarna, representados respectivamente por Antonio Álvarez González, Manuel Martínez Núñez e José Fernández Fernández. O alcalde de Cervantes, Miguel González Vilela, non puido asistir por motivos familiares e queda pendente a súa sinatura.
O compromiso busca garantir a conservación dunha ruta de montaña que require un mantemento continuado para ofrecer condicións adecuadas de seguridade, sinalización e tránsito. A visita técnica da ADEAC, realizada o pasado 6 de novembro, e a correspondente avaliación anual lembran que o distintivo non é permanente, senón que depende do cumprimento de requisitos relacionados coa conservación do itinerario, a atención ás persoas usuarias e a promoción da educación ambiental.
A ruta conta coa homologación federativa desde decembro de 2013 e recibiu o recoñecemento Sendeiro Azul en 2026. A súa incorporación permitiu incluír o PR-G 159 nunha rede estatal de 194 itinerarios distinguidos pola ADEAC, dos que 72 se atopan en Galicia e sete na provincia de Lugo.
O percorrido completo suma aproximadamente 18,2 quilómetros, cunha duración estimada de seis horas, incluídos os descansos, e unha dificultade media. Divídese en cinco tramos que atravesan bosques autóctonos, antigos camiños recuperados, aldeas, fervenzas e muíños, ademais de ofrecer vistas sobre as montañas e as bacías dos ríos Neira e Navia. Os diferentes accesos por estrada permiten realizar tamén percorridos parciais, adaptados á preparación física e ao tempo dispoñible.
A ruta comeza en O Couso, xunto á LU-P-708, e descende cara a Quintá por antigos camiños de carro. Continúa pola Fraga de Valiñas, entre zonas de bosque húmido e elementos vinculados aos aproveitamentos tradicionais, e enlaza despois A Móa e Sevane. O cuarto tramo chega ata Buisán, pasando pola fervenza e os muíños de A Cortella, mentres que o último conecta esta aldea con Aroxiña e Cabana, con vistas ao Navia e aos Ancares. O itinerario remata xunto á LU-722, tras cruzar o río Navia.
Un dos elementos singulares deste proxecto é a súa orixe na iniciativa da sociedade civil. Durante máis de dezaseis anos, os traballos de recuperación e conservación dos camiños contaron coa participación de voluntariado, familias e campos de traballo internacionais, nos que interviñeron 107 persoas procedentes de 18 países, xunto con colaboradores locais.
A Asociación Castaño y Nogal considera que a renovación do distintivo debe servir para reforzar a cooperación estable entre a entidade e as administracións competentes, co obxectivo de garantir o mantemento, a prevención de riscos, a sinalización e as actividades de educación ambiental. A sinatura pretende así asegurar a continuidade dun itinerario que combina patrimonio natural, paisaxe e memoria dos usos tradicionais do territorio.