Becerreá repartirá 1.000 euros en premios para impulsar o comercio local

Becerreá acollerá este xoves, 8 de outubro, a entrega dos premios da campaña "Merca no teu comercio", unha iniciativa destinada a promover e dinamizar as vendas no comercio de proximidade dos municipios rurais. O acto terá lugar ás 13.30 horas na Praza do Concello de Becerreá.
A campaña desenvolveuse entre o 15 e o 30 de setembro nos municipios de Becerreá, Baralla, Cervantes e As Nogais e contou coa participación de 1.245 tickets. En total, repartiranse 1.000 euros en premios, distribuídos en 20 tarxetas prepago de 50 euros cada unha.
As persoas gañadoras deberán empregar estas tarxetas en novas compras nos establecementos de comercio de proximidade local, co obxectivo de que os premios contribúan a xerar novas vendas e reforzar a actividade comercial nos municipios participantes.
"Merca no teu comercio ten premio" é unha campaña organizada pola Federación de Comercio de Lugo, a Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia para apoiar o comercio de proximidade e dinamizar a actividade económica nos municipios rurais.
Na entrega dos premios participarán representantes das entidades organizadoras, entre eles José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio e da Federación de Comercio de Lugo; o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez; entre outros representantes.