Becerreá revivirá en maio a V Batalla da Ponte de Cruzul cun amplo programa histórico e cultural

Becerreá converterase de novo no escenario da historia coa celebración da V Batalla da Ponte de Cruzul, unha cita de recreación histórica que terá lugar os días 15, 16 e 17 de maio de 2026. O evento contará cun extenso programa de actividades que permitirá revivir episodios vinculados á Guerra da Independencia e á loita no territorio dos Ancares.
A programación arrancará o mércores 6 de maio coa recepción á Garda Real. Ás 12:00 horas está prevista unha visita ao CEIP San Xoán e ás 18:00 horas realizarase o arriado de bandeira e unha exposición de material da unidade no cuartel da Garda Civil.
Xa o venres 15 de maio, ás 17:00 horas, levarase a cabo a montaxe do campamento napoleónico na Carballeira, espazo que servirá como un dos principais puntos de actividade durante a fin de semana.
O sábado 16 de maio abrirase ao público o campamento napoleónico desde as 10:00 horas. Ás 12:00 horas terá lugar o desfile das tropas desde o campamento ata a Praza do Concello e ás 13:00 horas desenvolverase o acto institucional de presentación na Casa do Concello. A xornada culminará ás 18:00 horas coa representación da Batalla da Ponte de Cruzul, centrada na retirada do exército británico ante o avance francés.
O domingo 17 de maio continuará a actividade coa apertura do campamento desde as 10:00 horas e, ás 12:30 horas, representarase unha emboscada na Carballeira, recreando o ataque das alarmas dos Ancares ás tropas francesas.
A iniciativa está organizada polo Concello de Becerreá e pola Asociación Histórico Cultural e Deportiva Recreadores de Galicia, coa colaboración da Asociación Napoleónica Española e Vía Künig.