Begonte, Castro de Rei, Friol, Outeiro de Rei e Rábade organizan un taller online sobre trastornos da conduta alimentaria

O servizo de prevención de condutas aditivas da agrupación de concellos de Begonte, Castro de Rei, Friol, Outeiro de Rei e Rábade organizará o vindeiro 11 de xuño un encontro formativo online dirixido a nais e pais para abordar os trastornos da conduta alimentaria en nenos, nenas e adolescentes.
O obradoiro, que leva por título Corpos que importan, desenvolverase entre as 18.00 e as 19.30 horas a través da plataforma Zoom e será impartido por Antonella Ferrari, técnica da Área de Sensibilización da Unión de Asociacións Familiares (UNAF).
Durante a sesión abordaranse cuestións relacionadas cos trastornos da conduta alimentaria (TCA), os distintos tipos existentes, os sinais de alerta e as claves para a súa detección temperá. Ademais, tamén se tratarán aspectos vinculados ás autolesións e a súa relación cos TCA, así como pautas familiares orientadas á prevención deste tipo de problemas entre a poboación máis nova.
Desde a organización destacan a importancia de ofrecer ferramentas ás familias para detectar posibles situacións de risco e fomentar hábitos saudables e unha relación positiva coa alimentación e coa imaxe corporal.
As persoas interesadas en participar deberán formalizar previamente a súa inscrición a través dun formulario habilitado polo servizo de prevención de condutas aditivas da agrupación de concellos.
Para máis información, as familias poden contactar a través do correo electrónico prevenciondrogas@rabade.org ou no teléfono 982 390 062.