'Beleza Fea' é a proposta mellor valorada do I Certame de Paisaxe Sonora

LugoXa
O I Certame de Paisaxe Sonora distingue a composición ‘Belezafea’ unha obra realizada por Álex Rego Teixeiro
Paisaxe sonora
Paisaxe sonora
1 dic 2022

O I Certame de Paisaxe Sonora, unha iniciativa a prol do fomento da creatividade organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo, distingue con 900 euros, ademais de trofeos deseñados pola artista visual Montse Rego, cinco das 13 creacións sonoras presentadas a esta primeira edición dunha iniciativa coordinada por Arturo Vaquero.

A composición sonora Beleza fea, presentada por Álex Rego Teixeiro, foi a proposta mellor valorada polo xurado do I Certame de Paisaxe Sonora e acadou así o Premio conmemorativo do Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), dotado con 350 euros en
metálico e a escultura metálica de Montse Rego. As outras catro creacións finalistas deste certame foron Lugo, de Jesús Otero Seoane; As agras, de Roberto Hermida Lorenzo; Brétema, de Elisa Sedes Sánchez, e A inspiración desde o corazón, obra de Luis Monsalve Calvo.

O ditame do xurado, un tribunal composto polos creadores de arte sonora Arturo Vaquero e Xoán Xil, ademais de polo deseñador sonoro Marcos Maril, deuse a coñecer no marco da gala de presentación das candidaturas celebrada na Casa do Saber, o escenario no que o público presente tamén acordou repartir o importe do seu galardón entre as catro candidaturas finalistas.

O adxunto á Vicerreitoría de Organización Académica da USC, Antonio Álvarez, e a vicepresidenta da Deputación Provincial e concelleira da área de Cultura do Concello de Lugo, Tareixa Ferreiro, participarán no acto de entrega de premios, unha sesión na que todos os participantes presentes tiveron a oportunidade de presentar a explicar cadanseu proceso creativo e o obxectivo de cada unha das composición sonoras.