Beni Abeledo, As Carballeiras: “Para fomentar a vida nun barrio non hai mellor que a xente do barrio organice cousas”

LugoXa
Beni Abeledo, presidente da Asociación Veciñal As Carballeiras, explica os motivos polos que xorde este colectivo no sur da cidade de Lugo
Beni-Abeledo-Asociación-As-Carballeiras-Lugo
7 Jun 2026

Jessica Fernández

 A cidade de Lugo conta cunha nova entidade veciñal na súa zona sur. Trátase da Asociación Veciñal As Carballeiras, un colectivo que se vén de constituír tras un proceso de reunións iniciado a finais de 2025 por un grupo de arredor de catorce persoas que compartían a idea de crear unha nova estrutura de representación veciñal no barrio.

O presidente da asociación, Beni Abeledo, explica que o punto de partida foi a percepción de que a zona sur da cidade precisaba outro tipo de representación. “A finais de 2025 xuntámonos un grupo de arredor de 14 persoas porque criamos que tiña que haber unha asociación veciñal nova que representara aos veciños do sur, que desde o noso punto de vista non estaban ben representados ou necesitaban outro tipo de asociación”, sinala.

A partir dese momento, o grupo foi mantendo varias reunións ao longo dos meses seguintes ata que, xa en 2026, se formalizou a constitución da asociación e o inicio da súa actividade. Na actualidade, o colectivo sitúase entre os 35 e 40 socios, segundo explican desde a súa presidencia.

A Asociación Veciñal As Carballeiras nace co obxectivo de actuar como canle de comunicación entre a veciñanza da zona sur e as institucións. Tal e como resume Abeledo, “o obxectivo é trasladar as necesidades do sur de Lugo e ser un canal de reivindicacións fronte ás institucións, organismos, empresas ou calquera asunto social”, especialmente no que respecta ás cuestións vinculadas co Concello de Lugo.

Máis aló desa función de intermediación, o colectivo tamén quere impulsar a participación cidadá na vida da cidade e fomentar a relación entre veciños e veciñas. Segundo explica o seu presidente, “o que máis nos interesa é fomentar as relacións veciñais, a cooperación e sobre todo a participación activa na vida de Lugo, porque ás veces só nos ceñimos a votar cada catro anos e pensamos que hai que participar doutra maneira, non só votar”.

A asociación tamén incorpora entre os seus obxectivos a integración social das persoas que chegan de fóra á cidade. Neste sentido, Abeledo subliña que “hai moita xente de fóra e é importante integralos na vida da cidade, porque tamén forman parte dela”, defendendo a apertura da entidade á participación de toda a cidadanía.

En canto á actividade, As Carballeiras iniciou a súa andaina cunha primeira proposta de presentación consistente nunha ruta polo barrio de Fingoi. Segundo explican, esta iniciativa tiña como finalidade dar a coñecer o propio entorno e a súa historia, xa que, como sinalan, moitas veces a veciñanza non coñece aspectos básicos do lugar no que vive.

Polo momento, a asociación non ten programadas novas actividades pechadas, aínda que están traballando na organización de propostas de carácter lúdico e social que poidan desenvolverse antes do verán, co obxectivo de seguir dinamizando a vida do barrio.

No plano das demandas, o colectivo pon o foco na zona sur de Lugo e na necesidade de avanzar en proxectos xa previstos, como as actuacións en infraestruturas viarias ou a mellora de espazos de estacionamento na contorna da explanada do conservatorio e en Fontiñas. Aínda así, desde a asociación insisten en que non queren limitar o seu ámbito de actuación a un único barrio, senón abordar cuestións que afecten ao conxunto da zona sur da cidade.

“Para fomentar esta vida no barrio non hai mellor cousa que a xente propia do barrio organice cousas”, resume Abeledo, quen defende o papel do asociacionismo como ferramenta de dinamización social.

Finalmente, desde a Asociación Veciñal As Carballeiras fan un chamamento á participación da veciñanza da zona sur de Lugo e lembran que contan con presenza en redes sociais como Instagram, Facebook, Telegram e tamén cunha páxina web, co obxectivo de seguir medrando e consolidar a súa actividade nos próximos meses.

0.12399506568909