Bernardo Cruz despídese do CD Lugo tras completar a súa segunda etapa no club

O Club Deportivo Lugo anunciou que Bernardo Cruz non continuará na plantilla do primeiro equipo a vindeira tempada, poñendo fin á súa segunda etapa como albivermello. O central andaluz, que chegou por primeira vez ao Anxo Carro na campaña 2017/18, foi naquela época unha peza fundamental na zaga durante un dos mellores anos do club en Segunda División.
Tras unha destacada primeira etapa, Bernardo regresou a Lugo no verán de 2023 para afrontar o novo reto da Primeira Federación. Nesta segunda etapa asumiu o brazalete de capitán, converténdose nunha figura de referencia dentro do vestiario, tanto pola súa experiencia como pola súa actitude. O seu liderado, discreto pero firme, foi clave para cohesionar o grupo nunha tempada esixente, que finalizou coa consecución do obxectivo da permanencia.
Desde o club quixeron recoñecer publicamente a súa entrega, profesionalidade e respecto pola camiseta, subliñando o seu papel non só no terreo de xogo, senón tamén como guía para os seus compañeiros. O CD Lugo agradeceu o seu compromiso cun mensaxe de despedida cargado de agarimo, desexándolle sorte no seu futuro, tanto no ámbito deportivo como persoal.
OUTRA MARCHA DO CLUB
Ander Zoilo tampouco continuará na disciplina albivermella a próxima tempada. Dende a súa chegada ao Anxo Carro, o lateral esquerdo amosou unha gran profesionalidade, compromiso e entrega co equipo.
Ao longo do curso, disputou un total de 38 encontros oficiais entre todas as competicións, sumando 3.181 minutos de xogo, 2 goles e 1 asistencia, consolidándose como unha peza importante no once albivermello.
Dende o club agradécenlle a súa dedicación e o traballo realizado durante a súa etapa en Lugo, e deséxanlle moito éxito nos seus próximos retos, tanto dentro como fóra do terreo de xogo.