Besteiro acusa o PP e Vox de querer "esquecer o noso pasado" e defende a memoria democrática desde o Vello Cárcere de Lugo

GaliciaXa | LugoXa
O secretario xeral do PSdeG advertiu de que a dereita derrogará a Lei de Memoria Democrática se chega ao Goberno e reivindicou o papel do antigo cárcere provincial como lugar de lembranza e reparación das vítimas da represión franquista
PSdeG Besteiro Lugo Vello Cárcere
20 Nov 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou ao PP e Vox de ter "unha présa louca, totalmente tola, por esquecer o noso pasado" e defendeu a memoria democrática como unha ferramenta de reparación e convivencia. Fíxoo no Vello Cárcere de Lugo, antiga prisión provincial pola que pasaron milleiros de presos políticos, nun acto no que advertiu de que, se a dereita chega ao Goberno, derrogará a Lei de Memoria Democrática no primeiro Consello de Ministros.

Fronte a esa posición, Besteiro reivindicou a importancia da normativa aprobada en 2022 e do recoñecemento de espazos como o antigo cárcere lucense como lugares de memoria democrática. "Nós cremos que a memoria democrática é algo que sana, que cura, non algo que divide como cren eles", afirmou. O Goberno de España incoou en xuño o expediente para declarar o Vello Cárcere Lugar de Memoria Democrática, un procedemento que busca recoñecer o seu pasado como espazo de represión política e contribuír á difusión da historia das vítimas.

O líder socialista cualificou esa lembranza de "absolutamente reparadora" e subliñou que os seus efectos van máis alá das propias persoas represaliadas. "Sana non soamente os que estiveron aquí, os familiares, os descendentes dos que estiveron aquí, senón que marca unha forma de entender a política", sostivo.

Durante o acto, Besteiro e os candidatos socialistas por Lugo ao Congreso e ao Senado depositaron trece rosas vermellas no interior do edificio en lembranza das trece mulleres fusiladas en Madrid en agosto de 1939, coñecidas como as Trece Rosas. O secretario xeral lembrou especialmente a mensaxe de Julia Conesa, unha das vítimas, que pediu que o seu nome non fose borrado da historia.

"Queremos facer con este acto unha lembranza de todos os que nos axudaron tamén a ter democracia, dicirlles que non os esquecemos", sinalou. Besteiro insistiu en que lembrar o pasado non significa alimentar o rancor, senón evitar que se repitan os feitos da ditadura. "Lembralos, pero para avanzar sen rancor, sen ningún tipo de división, simplemente para saber que aquilo que pasou non debe volver acontecer", afirmou.

O Vello Cárcere, espazo de memoria democrática

O candidato socialista á Alcaldía de Lugo, Miguel Fernández, explicou que a elección do antigo cárcere para celebrar o acto respondía ao seu simbolismo. Fernández repasou a transformación do inmoble, desde a súa recuperación e rehabilitación ata a conversión dun espazo de represión nun equipamento aberto á cultura e á liberdade. Tamén destacou o expediente iniciado polo Goberno central para o seu recoñecemento como lugar de memoria democrática.

Pola súa banda, Jorge Bustos, concelleiro en Lugo e número dous da candidatura socialista ao Congreso pola provincia, lembrou a historia do edificio, proxectado polo arquitecto Nemesio Cobreros en 1878. Segundo sinalou, o seu deseño non facía prever que acabaría converténdose nun lugar de represión política para milleiros de persoas privadas da súa liberdade.

Bustos reivindicou a rehabilitación impulsada por un Goberno socialista e a transformación do cárcere nun espazo de cultura, arte e liberdade de expresión. Ademais, considerou que o recoñecemento como lugar de memoria democrática constitúe "un acto de xustiza para que ninguén borre o que aquí aconteceu".

O acto enmárcase na campaña socialista para as eleccións do 29 de novembro. Besteiro cualificou a cita electoral de "histórica" e asegurou que tamén está en xogo a continuidade dos dereitos conquistados. "A democracia nunca vai ser derrogada. Pero hai que loitar por ela, e hai que votar masivamente ese 29 de novembro", concluíu.

0.14076685905457