Besteiro culpa a Rueda do colapso das urxencias do HULA

LugoXa
O candidato socialista comprométese a recuperar profesionais para a Sanidade que recurtou o PP: "En Galicia temos hoxe 900 menos na Atención Primaria que no último ano do goberno de Touriño".
7 ene 2024

O candidato socialista comprométese a recuperar profesionais para a Sanidade que recurtou o PP: "En Galicia temos hoxe 900 menos na Atención Primaria que no último ano do goberno de Touriño".

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe a Rueda de “mentir sobre o colapso que hai nas Urxencias dos principais hospitais de referencia de Galicia”, xa que tanto usuarios como sindicatos e profesionais confesan “estar ao límite", informan “dun pico nunca visto antes” e advirten de que “aínda non chegou o peor”. Unha saturación que "están a sufrir os sete hospitais de referencia do noso país: todos estamos a ver as situacións e as imaxes que se viven a diario”, explicou.

O candidato socialista considera que esta “situación estoupa en Urxencias, pero non é un problema de Urxencias senón que vén derivado do peche de centros e consultas de Atención Primaria, como en Monforte ou Chantada, e a escaseza de médicos de familia, que tamén están desbordados polos recortes”. A falla de previsión polo pico de gripe, anunciado hai tempo, "é unha mostra máis de que a tesoira de Rueda deixa a Sanidade esnaquizada. Ten precarizados os servizos e as condicións laborais dos profesionais, favorecendo aos hospitais privados” asegurou Besteiro. E agregou que “a saturación dos hospitais provoca a suspensión de cirurxías e afecta a outras especialidades, segundo as denuncias dos profesionais sanitarios”.

RUEDA INCAPAZ E IRRESPONSABLE

Considera “irresponsable” que Rueda pida “sentidiño” aos galegos para que non vaian a Urxencias “cando poden tardar entre sete e dez días ata conseguir cita no seu centro de saúde”. De feito, os profesionais sanitarios denuncian que hai xente que ten que ser ingresada polo agravamento das afeccións ao dexenerar unha gripe nunha pneumonía por falla de atención.

“Cando unha persoa ten problemas respiratorios e ademais unha idade avanzada non pode esperar dez días, vai a Urxencias porque precisa atención médica” xustificou Besteiro.

“Hoxe en Galicia temos 900 profesionais menos na Atención Primaria que no derradeiro ano do goberno de Touriño, por culpa dos recortes de Feijóo e Rueda” afirmou. E engadiu que reforzará a sanidade pública recuperando profesionais porque “nestes 15 anos do PP marcharon moitos do país polas malas condicións laborais”.

Neste sentido recordou que o PP votou en contra dunha proposta dos socialistas para que a espera máxima en Atención Primaria fora de 48 horas e se contrataran máis especialistas para atender os centros de saúde. Besteiro asegurou que “a Sanidade é unha cadea. Se falla unha peza o sistema rompe”.

Besteiro concluíu que “se o sistema sanitario sae adiante en Galicia, é grazas á vocación dos profesionais que temos e a pesar da incapacidade de Rueda”.

Por outra banda, a Asociación de Pacientes e Usuarios do Hospital Universitario de Santiago -centro que dirixe a prima de Alberto Núñez Feijóo, Eloína Núñez- denunciou que “hai doentes que agardan ata nove horas nos corredores para ser atendidos e alí continúan, se teñen que ser ingresados, á espera dunha cama libre”. Unha situación que se repite no Álvaro Cunqueiro de Vigo ou no HULA de Lugo, por poñer outros exemplos.

Así mesmo, o médico de Atención Primaria Miguel Ángel Rodríguez Lois apuntou que o colapso actual débese a que “estamos pagando unha mala política de recursos humanos por parte da Xunta" e lamentou que “a Atención Primaria segue sendo a cincenta de todo o servizo sanitario e iso págao toda a cidadanía”.

Xunto a Besteiro compareceron o presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte, José Tomé, e outros alcaldes e voceiros da comarca luguesa apoiados por membros da comunidade médica.