Besteiro esixe explicacións a Rueda polo apoio do PP á moción de censura en Lugo e asegura que está “fóra do marco democrático”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclama explicacións ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, polo apoio do Partido Popular á moción de censura coa que pretenden arrebatarlle a alcaldía de Lugo aos socialistas o vindeiro 7 de maio coa colaboración dunha tránsfuga. Para Besteiro, a posición do PP estaría “fóra do marco democrático”
O líder dos socialistas fixo estas declaracións na tarde deste xoves, cando tivo lugar un pleno no que tomou posesión a substituta da concelleira socialista Olga López Racamonde, falecida recentemente, e que estivo marcado por unha manifestación á que centos de persoas acudiron para amosar o seu rexeitamento á moción presentada polos populares.
Besteiro, acompañado pola secretaria de organización do PSdeG, Lara Méndez, entre outros responsables do partido en Galicia, definiu a operación dos populares como “unha moción de censura indecente, antidemocrática” e sinalou directamente á dirección autonómica do PP. “Disto é responsable non só o PP de Lugo, tamén o Partido Popular de Galicia. Rueda, que está a esquivar permanentemente esta situación, debe explicar tamén por que apoia esta moción de censura”, reclamou.
A protesta cidadá, que xa se repetiu nas últimas semanas baixo a consigna “Democracia si, transfuguismo non”, foi para o secretario xeral unha mostra clara do estado de ánimo da cidade. “O sentir maioritario de toda a cidadanía de Lugo é de rexeitamento a esta moción de censura. Máis transfuguismo non, máis democracia si. Iso deixa ben claro cal é o sentir de toda a veciñanza desta cidade” remarcou o líder dos socialistas galegos.
Pola súa banda, a concelleira socialista Ana Abelleira agradeceu a resposta da rúa, asegurando que “teñen todo o dereito a mostrar a súa indignación polo que pode suceder o 7 de maio, cando o PP trate de asaltar o Concello de Lugo a través dunha moción de censura cunha tránsfuga”. Abelleira insistiu en que a manobra do PP contradí a vontade saída das urnas e que “a poboación está a mostrar a súa indignación porque non se corresponde co que votou no seu día, que foi a maioría progresista que está a gobernar esta cidade”. A edil agradeceu o respaldo veciñal nun pleno que, sinalou, “pode ser o último antes da moción de censura, pero é un pleno coa cabeza moi alta polo traballo realizado”.
A concelleira foi máis dura ao referirse ao mecanismo polo que o PP pretende facerse coa alcaldía, afirmando que “estas fórmulas tan corruptas invaden os dereitos dos cidadáns, que temos o poder nas urnas para escoller a quen queremos que nos represente. É inxusto para Lugo”.