Besteiro reclama un millón de euros para o deporte feminino nos orzamentos galegos

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, achegouse este sábado a Antas de Ulla para presenciar o encontro entre os dous primeiros clasificados da primeira división galega de fútbol feminino, o S.D. Antas de Ulla e o C.D. Valladares. Aproveitou a cita deportiva para pedirlle ao Partido Popular que apoie a emenda presentada polo Grupo Socialista aos orzamentos autonómicos, coa que se pretende destinar un millón de euros a un Plan de Apoio ao Deporte Feminino.
Durante a súa intervención, o líder socialista cuestionou que o goberno galego non teña amosado, ao seu xuízo, un compromiso firme nesta materia máis alá de actuacións puntuais, o que ao seu entender freama que as mulleres acaden a presenza que lles corresponde na práctica deportiva.
Besteiro puxo o acento no desequilibrio que persiste dentro do deporte federado, onde as mulleres supoñen apenas o 23,5 % dos preto de 300.000 deportistas inscritos en Galicia. Por iso, reclamou unha representación máis equilibrada tamén nos órganos directivos dos clubs e federacións, ademais de vestiarios femininos que permitan un acceso igualitario ás instalacións e formación específica en igualdade para o persoal técnico e deportivo.
O responsable do PSdeG defendeu así mesmo a necesidade de reforzar a proxección das deportistas nos medios de comunicación. Para iso, propuxo poñer en marcha un Plan de Igualdade nos medios públicos que impulse unha maior visibilidade das competicións femininas e que inclúa formación en perspectiva de xénero para os e as profesionais das seccións de deportes.
Na súa intervención, o dirixente socialista contrapuxo a que considera falta de implicación do Executivo autonómico coas medidas adoptadas polo Goberno central dende 2018, entre as que citou o impulso á profesionalización das deportistas, a igualdade de dereitos e o reforzo do financiamento do deporte practicado por mulleres.
Besteiro lembrou ademais que tanto o PP como Vox se opuxeron no seu momento á Lei do Deporte de 2022, unha norma estatal que incorporou medidas de igualdade, protección fronte á discriminación e apoio á conciliación e os dereitos das deportistas. No ámbito autonómico, apuntou que a Xunta impulsou o pasado decembro unha reforma da súa propia Lei do Deporte na que, segundo denunciou, rexeitou as propostas do PSdeG orientadas a garantir a práctica deportiva “en condicións de igualdade, seguridade e dignidade”.
O dirixente socialista reclamou unha nova lexislación que aposte polo que cualificou de “igualdade real”, que contemple a protección das deportistas embarazadas ou en situación de maternidade e que sirva como ferramenta para impulsar o deporte feminino e a súa visibilidade mediática, poñendo fin a desigualdades que, segundo denunciou, se arrastran dende hai décadas. Concluíu advertindo de que “sen unha reforma legal, ninguén vai garantir vestiarios adecuados para mulleres e nenas”.