Bonxe pechará as festas de San Mamede cunha degustación de carne de vacún Cachena e xamón de Porco Celta

LugoXa | TerraChaXa
As celebracións comezarán este venres, 21 de agosto, cunha verbena amenizada por Tapyöka e DJ Alejandro Martínez
presentacion-festas-bonxe
20 Aug 2026

A parroquia de Bonxe, no concello de Outeiro de Rei, porá o broche final ás festas na honra de San Mamede o domingo, 23 de agosto, cunha degustación de produtos de razas autóctonas galegas, unha das propostas destacadas da programación festiva.

A partir das 14.00 horas, os asistentes poderán degustar hamburguesas elaboradas con carne de vacún de raza Cachena e xamón de Porco Celta, dous produtos ligados á gandaría tradicional galega e á conservación das razas autóctonas.

A iniciativa desenvolverase no marco do programa «Un gusto de rural, un rural degusto», promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo en colaboración coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga). Durante a sesión vermú tamén se sortearán 500 puntos e ofrecerase unha degustación gratuíta destes produtos.

A proposta terá lugar durante a última xornada das festas de San Mamede de Bonxe, que comezarán este venres, 21 de agosto, cunha verbena amenizada por Tapyöka e DJ Alejandro Martínez. O sábado 22, tras a misa solemne e a sesión vermú, a verbena correrá a cargo da orquestra Fuego e DJ Alejandro Martínez.

O domingo 23, ademais da degustación de produtos autóctonos, a xornada contará coa misa solemne, a sesión vermú co Dúo Estrellas e o sorteo previsto dentro do programa de promoción das razas autóctonas galegas.

0.12162494659424