Bosquea achegará o xogo no bosque ao centro de Lugo para reivindicar os dereitos da infancia

LugoXa
A asociación organizará unha tarde de actividades gratuítas na Praza de España o 20 de novembro e unha xornada de convivencia familiar nas súas instalacións de San Xoán do Alto ao día seguinte
Praza-Maior-de-Lugo
14 Nov 2026

A Asociación de Educación na Natureza Crianzas do Bosque (Bosquea) levará o bosque ao centro de Lugo o vindeiro 20 de novembro cunha tarde de xogo libre na Praza de España. A iniciativa forma parte da campaña "A infancia necesita bosque. Se non, como vai saber coidalo?", coa que a entidade quere reivindicar o dereito dos nenos e nenas a xogar ao aire libre, explorar e descubrir a natureza. A actividade, aberta e gratuíta, desenvolverase entre as 16:30 e as 19:30 horas, con motivo do Día Internacional dos Dereitos da Infancia.

Durante a tarde, os pequenos poderán experimentar libremente con materiais naturais como troncos, paus, piñas, follas, pedras, teas e cordas. A proposta non terá instrucións nin obxectivos pechados, senón que busca ofrecer un espazo para imaxinar, construír, investigar e relacionarse ao seu propio ritmo, acompañados das súas familias. Ademais, haberá un mural participativo, "No bosque eu...", no que poderán expresar mediante debuxos ou palabras o que significa para eles estar na natureza.

A xornada rematará cun contacontos gratuíto a cargo de Inma Soto, educadora ambiental e autora dos libros "Xela, Superheroína de aldea" e "Xela, aventura na fraga", unha actividade posible grazas á colaboración da Deputación de Lugo.

Con esta campaña, Bosquea lembra que o xogo é un dereito recoñecido no artigo 31 da Convención sobre os Dereitos do Neno e reivindica a importancia do contacto coa natureza para o desenvolvemento infantil. A asociación considera que, nun contexto no que cada vez se pasa máis tempo en espazos pechados e diante das pantallas, é necesario recuperar as oportunidades de xogo espontáneo ao aire libre. "Só se coida o que se coñece" é unha das ideas centrais da iniciativa, que pretende tamén facilitar o acceso a estas experiencias a todas as familias.

A programación continuará o sábado 21 de novembro coa actividade "Bosqueando en familia", que terá lugar de 11:00 a 14:00 horas nas instalacións de Bosquea, na antiga Escola Unitaria de San Xoán do Alto, a poucos quilómetros do centro de Lugo. As familias poderán coñecer o proxecto educativo, compartir unha mañá no bosque, explorar o contorno e participar en diferentes propostas de xogo libre e nunha xincana. Para esta segunda actividade será necesaria inscrición previa.

Bosquea é unha asociación de educación na natureza xestionada polas propias familias, que conta con profesionais da educación e promove experiencias educativas e de xogo no medio natural. O seu proxecto combina o acompañamento educativo diario no bosque con grupos de xogo para familias que queren achegarse á natureza de maneira habitual.

0.1672670841217