Bota a andar en Lugo a Cátedra UNESCO de Reservas de Biosfera Atlánticas cun enfoque participativo e rural

A Cátedra UNESCO de Reservas de Biosfera Atlánticas iniciou oficialmente o seu camiño como un proxecto concibido como “participativo e vivo”, orientado a preservar a biodiversidade e a mellorar a calidade de vida no medio rural a través da infraestrutura verde como ferramenta territorial integradora. Así a definiu o profesor Pablo Ramil, director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural, Ibader, durante o acto de presentación celebrado nas instalacións do centro da Universidade de Santiago de Compostela en Lugo.
A nova cátedra institucional da USC foi presentada nun acto presidido polo reitor Antonio López Díaz e no que tamén participaron a conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez Rivera, e a concelleira da Área de Cohesión Social e Territorial, Ana González Abelleira. Durante a súa intervención, o reitor felicitou ao Ibader polos seus 25 anos de traxectoria, destacando que ao longo deste tempo se converteu “nunha peza esencial da investigación no Campus Terra”. Segundo explicou, a cátedra naceu como “un proxecto humilde que foi medrando ata acadar a relevancia que hoxe celebramos”.
Antonio López Díaz subliñou ademais que en todo o Estado existen arredor de 65 cátedras UNESCO e que Lugo, a través do Campus Terra, conta agora coa primeira da súa historia, un feito que cualificou de “gran mérito” e que sitúa a cidade e o campus universitario no mapa destas iniciativas internacionais. Nunha liña semellante pronunciouse a conselleira do Medio Rural, quen destacou que o Campus Terra é un referente na contribución ao desenvolvemento do medio rural. Pola súa banda, Pablo Ramil aproveitou a ocasión para agradecer o apoio das institucións implicadas, así como o traballo do persoal de servizos da Universidade e da Xerencia “por traballar arreo” para facer posible a concesión da cátedra.
O proceso para a designación da Cátedra UNESCO adscrita ao Ibader iniciouse no ano 2024 e, tras ser avaliada por un comité internacional da UNESCO, a proposta foi aprobada definitivamente en novembro de 2025. A cátedra conta cunha clara vocación rural e estrutúrase arredor de tres liñas prioritarias de actuación que coinciden coa axenda científica do Ibader e cos obxectivos do Programa sobre o Home e a Biosfera da UNESCO, centrados na biodiversidade, a infraestrutura verde e o desenvolvemento rural.
A Cátedra UNESCO de Reservas de Biosfera Atlánticas pretende actuar nos catro ámbitos fundamentais da misión da UNESCO: a educación, mediante cursos de especialización e apoio á educación formal; as ciencias, con especial atención á biodiversidade, ás ciencias agrarias e ao desenvolvemento rural; a cultura, tanto material como inmaterial; e a comunicación e a información, a través da difusión, a creación de bases de datos e a implementación de mapas dixitais accesibles na web. Todo isto desenvolverase no marco das Reservas da Biosfera e das súas redes temáticas, cun ámbito territorial centrado na Rexión Bioxeográfica Atlántica e cunha clara vocación de colaboración coas reservas de África, América e Europa, promovendo o entendemento mutuo, a igualdade de xénero e o compromiso coas prácticas sostibles.
Segundo explicou Pablo Ramil, a cátedra tamén se centrará en identificar e avaliar os elementos e funcións clave que deben cumprir as Reservas da Biosfera, ao tempo que as apoiará na xeración de información científica e técnica sobre a súa estrutura e funcionamento. Este labor incluirá a provisión de ferramentas de xestión, a creación de repositorios documentais e cartográficos, a orientación de actividades de conservación e desenvolvemento socioeconómico, así como accións de apoio loxístico, divulgación e participación en redes temáticas.
A experiencia acumulada polo Ibader nos ámbitos da biodiversidade, das infraestruturas verdes e do desenvolvemento rural constitúe, segundo se puxo de manifesto, un campo cada vez máis demandado polo estudantado universitario, unha tendencia que se reforza a medida que a Unión Europea impulsa novas estratexias e programas a nivel estatal, autonómico e rexional. Unha experiencia que, ademais, resulta estratéxica para a formación de profesionais doutros países, especialmente de África e América, onde o modelo europeo nestes ámbitos é considerado unha referencia.
Durante o acto, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, defendeu que o progreso no rural é máis viable desde a “colaboración leal” entre universidades e administracións, combinando tradición e innovación. A responsable autonómica salientou que iniciativas como esta cátedra “contribúen decisivamente” a construír “un rural vivo, innovador e atractivo, no que a xente poida e queira quedar, vivir e emprender”, un rural que represente a identidade, a cultura e a maneira de ser de Galicia e que coide o seu patrimonio natural e cultural como garantía de futuro.
A conselleira felicitou ao Campus Terra da USC e ao Ibader polo seu traballo, que cualificou de rigoroso e comprometido, e puxo en valor a boa colaboración existente coa Xunta de Galicia, reflectida nos numerosos proxectos conxuntos orientados a avanzar cara a un rural máis moderno e sostible. Destacou tamén a dimensión internacional da cátedra e a súa aposta por ámbitos clave como a educación, a ciencia, a cultura e a comunicación, subliñando que esta visión aberta permite a Galicia colaborar con outros territorios, aprender doutras experiencias e proxectar ao exterior o valor do seu patrimonio natural, cultural e humano sen perder a súa identidade.