Bota a andar unha nova edición do proxecto Grazas a Vós para promover o envellecemento activo nas residencias de Lugo

LugoXa
Grazas A-vós ofrecerá actividades semanais en cada centro, cunha duración dunha hora por sesión e cun máximo de 20 prazas dispoñibles
Grazas-A-vós-breogan
3 Out 2024

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu a presentación da segunda edición do proxecto "Grazas A-vós", unha iniciativa dirixida a promover o envellecemento activo e a inclusión social das persoas maiores de 65 anos, usuarios das residencias das Gándaras e A Milagrosa, de titularidade autonómica. Na presentación participaron o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e o director da Fundación Breogán, Luis Abel Taboada, quen explicaron os detalles do programa, que busca mellorar tanto a saúde física como mental dos participantes.

Grazas A-vós ofrecerá actividades semanais en cada centro, cunha duración dunha hora por sesión e cun máximo de 20 prazas dispoñibles. Os cursos levaranse a cabo dende novembro ata maio, impartidos por persoal especializado da Fundación Breogán, que inclúe preparadores físicos, adestradores de baloncesto e psicólogos. As actividades físicas estarán adaptadas ás necesidades dos asistentes, enfocándose en exercicios de tipo aeróbico, forza, flexibilidade e equilibrio, ademais de dinámicas recreativas como o baloncesto. Os participantes tamén recibirán orientación sobre hábitos de vida saudables.

O programa non só se centrará no aspecto físico, senón tamén na saúde mental. Inclúense accións específicas para favorecer a estimulación cognitiva dos maiores, propostas para mellorar a concentración, promover a calma e reducir a ansiedade. Ademais, incorporaranse dinámicas para axudar aos participantes a identificar e xestionar as súas propias emocións, contribuíndo ao seu benestar emocional.

Esta segunda edición do proxecto incluirá, ademais, actividades complementarias aos cursos. Xogadores do Club Baloncesto Breogán visitarán as residencias para compartir experiencias cos usuarios, e tamén se convidará aos maiores e ás súas familias a asistir aos partidos que se celebren en Lugo, fomentando así a participación e o contacto coa comunidade. O proxecto "Grazas A-vós" reafirma o compromiso da Xunta de Galicia e da Fundación Breogán co envellecemento activo e a mellora da calidade de vida das persoas maiores, promovendo tanto o benestar físico como a inclusión social a través do deporte e o apoio emocional.

0.18347692489624