Comeza a terceira edición do Paisaxe sonora, certame que fomenta a educación de escoita
O Campus de Lugo abre o prazo de inscrición do Paisaxe sonora, certame quere alentar e estimular a disciplina da creación de paisaxes sonoras, así como fomentar a educación da escoita e a sensibilización do oído na nosa contorna. Preténdese
destacar a importancia dos sons no día a día e a súa capacidade para evocar emocións, contidos culturais e históricos, e a conexión co medio ambiente. Así e de acordo coas bases deste certame que chega xa á súa terceira edición, unha paisaxe sonora está composta por sons de gravacións acústicas da contorna malia que non se descarta incluír, nunha baixa porcentaxe, fontes sonoras de instrumentos electrónicos ou reais.
En todo caso, debe predominar o concepto básico de paisaxe sonora. De feito, as obras que sexan maioritariamente feitas con fontes de son electrónicas ou acústicas e na súa medida non representen o que é unha paisaxe sonora, serán excluídas do certame. Cada paisaxe sonora non deberá ter unha duración superior a 10 minutos nin inferior a 1 minuto. Se supera os 5 minutos deberase achegar, ademais da orixinal, unha versión reducida de 3,5 minutos como máximo, para a escoita do público no certame. De non achegala, só se mostrarán os primeiros 3 minutos e medio da obra. Ata o 31 de outubro, é posible inscribirse a través dun formulario en liña.
A entrega de premios terá lugar o 22 de novembro nun acto que se desenvolverá na Casa do Saber. Entregarase un Premio á mellor paisaxe sonora, dotado con 300 euros, xoia deseñada por Montse Rego e diploma; un Premio á mellor paisaxe feita por estudantado da USC, dotado con 200 euros, xoia deseñada por Montse Rego e diploma; e o Premio do público, 100 euros e diploma. Este último recoñece a paisaxe sonora que reciba máis votos o día da entrega de premios. Para isto, cada persoa asistente ao acto, terá á súa disposición a papeleta de votación que se entregará antes do inicio. Unha vez comezada a escoita das paisaxes, non se entregarán máis papeletas de votación. En caso de empate o premio dividirase en partes iguais. Ademais, as obras premiadas poderán ser difundidas a través das plataformas do certame e expostas en
eventos culturais.