Brais Revaldería prepara unha curtametraxe a partir da experiencia inmersiva ‘Fillos do Vento: A Rapa’

GaliciaXa | LugoXa
O director lucense, galardoado cun Webby Award en Nova York, adapta ao cinema tradicional o seu proxecto sobre a Rapa das Bestas de Sabucedo tras sete anos de rodaxe
Brais-Revaldería-Webby-Awards
13 May 2026

O director e produtor lucense Brais Revaldería traballa xa nunha nova curtametraxe documental a partir da historia inmersiva ‘Fillos do Vento: A Rapa’, centrada na tradicional Rapa das Bestas de Sabucedo. A peza cinematográfica construirase sobre o mesmo universo narrativo e o amplo material audiovisual recompilado durante anos de gravacións nesta localidade da Estrada.

O proxecto atópase actualmente en fase de posprodución e supón un novo paso na evolución da obra orixinal cara ao formato de cinema convencional. “A idea é facer unha curtametraxe de cinema tradicional mantendo o mesmo universo de ‘Fillos do Vento: A Rapa’”, explica o propio Revaldería.

O anuncio chega pouco despois do recoñecemento internacional acadado pola proposta inmersiva na 30ª edición dos Webby Awards, onde ‘Fillos do Vento: A Rapa’ foi distinguida co People’s Voice Webby Award na categoría de mellor historia inmersiva. Trátase dun galardón outorgado por votación do público entre miles de candidaturas de todo o mundo.

O cineasta recolleu o premio este luns na gala celebrada no Cipriani Wall Street de Nova York, un dos eventos de referencia do ámbito dixital e audiovisual internacional. Revaldería acudiu acompañado por María Fernanda Ordoñez Morla, codirectora e produtora artística do proxecto, tras participar tamén recentemente no Beijing International Film Festival, en Pequín. O director destacou o valor do recoñecemento, subliñando que os Webby Awards “teñen moitísimo peso internacional e simplemente estar alí xa é moi difícil”.

‘Fillos do Vento: A Rapa’ é o resultado de sete anos de traballo nas montañas de Sabucedo, na Estrada (Pontevedra), onde cada verán se celebra un dos rituais máis singulares de Europa. A obra documenta a relación entre a comunidade local e os cabalos salvaxes a través dunha experiencia inmersiva con proxección panorámica de 270 graos, imaxe en 8K e son espacial.

Antes do seu recoñecemento en Nova York, o proxecto xa iniciara o seu percorrido internacional no Marché du Film do Festival de Cannes e pasara polo Festival de Cinema Europeo de Sevilla e o SXSW de Austin (Texas), dentro da sección XR Experience Spotlight.

0.13195586204529