Brais Vázquez avanza desde a USC no desenvolvemento de bioplásticos e combustibles renovables

GaliciaXa | LugoXa
A investigación do lucense conclúe que os residuos de cociña poden converterse nun recurso clave para impulsar a economía circular e reducir a dependencia do petróleo
Brais-Vázquez-USC
26 Jul 2026

O investigador lucense Brais Vázquez Vázquez deu un novo paso no ámbito da sustentabilidade coa súa tese de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela (USC), na que analizou distintas alternativas para transformar os aceites de cociña usados en enerxía, combustibles renovables e bioplásticos biodegradables, apostando por un modelo baseado na economía circular.

O traballo, desenvolvido baixo a dirección das profesoras Almudena Hospido Quintana e Ángeles Val del Río, do Departamento de Enxeñaría Química da USC, parte da necesidade de atopar novas solucións para un residuo xerado diariamente en fogares, bares, restaurantes e na industria alimentaria. Ademais dos problemas ambientais e de saneamento que ocasiona unha xestión inadecuada destes aceites, a investigación destaca o seu potencial como materia prima para fabricar produtos de maior valor engadido.

Co obxectivo de determinar cal é a opción máis sostible para o seu aproveitamento, a tese compara diferentes rutas de valorización, desde a produción de biodiésel ou de enerxía ata a fabricación de bioplásticos biodegradables. Para iso, empregáronse ferramentas de análise ambiental e económica que permitiron avaliar o impacto de cada alternativa ao longo de todo o seu ciclo de vida, considerando aspectos como as emisións, os custos de produción, a xestión dos residuos ou os efectos asociados aos microplásticos.

Entre as principais conclusións, o estudo sinala que non existe unha única solución válida para todos os casos, xa que cada tecnoloxía presenta vantaxes e limitacións. Con todo, a investigación apunta aos bioplásticos como unha das opcións con maior potencial de futuro, ao favorecer que o carbono permaneza máis tempo en circulación e contribuír á redución do uso de materiais derivados do petróleo. A tese tamén subliña a necesidade de seguir mellorando tanto os procesos de fabricación como a xestión destes materiais ao rematar a súa vida útil para garantir unha maior sustentabilidade.

A investigación desenvolveuse no Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), pertencente á Rede CIGUS e cofinanciado con fondos europeos, dentro do programa de Doutoramento en Enxeñaría Química e Ambiental da USC e do grupo de Biotecnoloxía Ambiental.

O carácter colaborativo do proxecto permitiu establecer relacións con centros de investigación internacionais como a Chalmers University of Technology, en Gotemburgo (Suecia), e o CESAM da Universidade de Aveiro (Portugal), ademais de colaboracións co Instituto da Auga da Universidade de Granada e co CIQUS da propia USC.

Os resultados do traballo foron publicados en revistas científicas internacionais de alto impacto especializadas en sustentabilidade e economía circular, ademais de seren presentados e premiados en congresos celebrados en cidades como Girona, Gotemburgo e Estocolmo. A tese obtivo a mención internacional e a cualificación de Sobresaliente Cum Laude.

0.13599300384521