Braña denuncia que Negueira leva catro anos sen médico e cuestiona a cobertura da praza da Fonsagrada

O alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña, denunciou que o municipio leva catro anos sen médico de familia no seu centro de saúde e cuestionou os motivos polos que, segundo afirma, o Sergas non cubriu a praza. O rexedor puxo como exemplo a recente incorporación dun facultativo na Fonsagrada, unha vacante que, segundo explicou, quedou cuberta en apenas dúas semanas.
Ricardo Parada, médico na Fonsagrada durante case 50 anos, xubilouse o pasado 26 de agosto e o novo facultativo incorporouse ao centro de saúde o 7 de setembro. Braña considera que esta rápida cobertura contradí, ao seu xuízo, as explicacións que se veñen dando sobre a falta de profesionais para cubrir a praza de Negueira.
"En apenas dúas semanas foron capaces de cubrir esa vacante, mentres Negueira leva catro anos agardando. Xa non poden seguir mentindo nin alegando que non atopan profesionais", afirmou o alcalde, que acusa o PP de "abandonar deliberadamente o municipio".
Segundo explicou Braña, o Sergas atribúe a falta de cobertura en Negueira á escaseza de profesionais e ao reducido número de tarxetas sanitarias adscritas actualmente ao centro de saúde. O alcalde cuestiona este argumento e asegura que as tarxetas que anteriormente atendía o médico de Negueira foron trasladadas e repartidas entre facultativos da Fonsagrada.
"Dinnos que cubriron a praza da Fonsagrada porque tiña arredor de 900 tarxetas e que Negueira só conta con 110, pero omiten que foi o propio Sergas quen trasladou as nosas tarxetas á Fonsagrada", denunciou Braña. Na súa opinión, esta reorganización tería reducido o número de pacientes asignados ao centro de saúde de Negueira e permitiría xustificar posteriormente a falta de cobertura da praza.
A atención sanitaria
Segundo explican as e os socialistas, actualmente un facultativo da Fonsagrada debería desprazarse un día á semana ao centro de saúde de Negueira de Muñiz. Porén, Braña sinala que durante o verán a atención limitouse a tres xornadas de consulta en xuño, catro en xullo e tres en agosto. Para setembro están previstas tres xornadas e para outubro, cinco.
O alcalde alerta das dificultades que, segundo denuncia, esta situación provoca nunha poboación maior, dispersa e con problemas de mobilidade. "Os nosos veciños e veciñas non poden pedir cita médica no seu propio municipio e vense obrigados a desprazarse á Fonsagrada ou acudir ao PAC", afirmou.
Braña recoñeceu que a incorporación do novo facultativo na Fonsagrada é "unha boa noticia" para a súa veciñanza, pero considera que Negueira tamén debería contar cunha atención médica estable. "Non somos cidadáns de segunda nin temos menos dereitos por vivir no rural", reivindicou.
O rexedor cualificou a situación de "exemplo intolerable do abandono ao que a Xunta está sometendo o rural lucense" e reclamou que se cubra a praza médica de Negueira de Muñiz. "Despois de catro anos e á vista da rapidez coa que cubriron a vacante da Fonsagrada, non admitimos máis mentiras nin máis escusas", concluíu.