Burela estudará como minimizar o impacto que o COVID-19 terá no sector empresarial
O alcalde, Alfredo Llano, fixo un balance positivo do encontro que mantivo con representantes de Acia Burela. O Concello estudará como minimizar o impacto que o Covid-19 terá no sector empresarial da localidade. Llano adiantou que podería condonarse ou fraccionarse o pago dalgunha taxa ou imposto e aludiu á posible compra dunha máquina desinfectadora de ozono.
O rexedor contou que “o que fixemos foi ver como podemos axudar da mellor maneira posible, contando co Concello como un colaborador, como debe ser, para minimizar a repercusión negativa que poida ter esta pandemia do coronavirus. Hoxe estivemos falando das preocupacións que temos todos e loxicamente o sector comercial preocúpanos. Desde o Concello vamos estar con eles, que nos indiquen as súas necesidades e iremos aportando, dentro das nosas posibilidades, todo o que poidamos”.
Llano explicou que “en principio quedamos en destinar unha partida específica para axuda directa ao pequeno comercio e aos autónomos de Burela. Imos ver que contía vai ter porque se van negociar esta semana co Goberno central, tanto a Femp como a Fegamp, os termos en que podemos incorporar os remanentes ou a liquidación positiva do ano pasado e como podemos enfocar o gasto. Porque pode haber directamente para o tema comercial e industrial; para atender cuestións sanitarias como o material que se precisa, tanto mascarillas como líquido desinfectante ou calquera outro; e por outro lado para as emerxencias sociais. Hai que buscar a maneira de destinar unhas partidas específicas para todos estes temas e concretamente para o comercio”.
O alcalde manifestou que “quedamos en facer máis reunións, teremos outra a próxima semana, na que iremos concretando xa máis cousas. Falamos tamén das posibilidades que ten o Concello con respecto a condonar ou fraccionar o pago de taxas e impostos. Estámolo mirando tamén por un lado coa Deputación porque moitos dos impostos municipais cóbranse desde o organismo provincial; e tamén cos técnicos do Concello para arbitrar medidas e fórmulas que sexan beneficiosas para as partes. Podemos fraccionar algún imposto e algunha taxa e o que se poida farase. Vamos procurar que o IBI, por exemplo, se fraccione en tres pagos en vez de en dous e retrasar un pouco o primeiro cobro. Vamos buscar a mellor maneira de poder cooperar cos socios da ACIA e co resto dos negocios de Burela todo o que poidamos, dentro das nosas posibilidades”.
Alfredo Llano anunciou que “ademais imos mirar xa mañá se é posible comprar unha máquina desinfectadora de ozono para que rote por todos os negocios que pidan desinfectar os seus locais. Imos mirar prezos e características destas máquinas e a ver se podemos acadar unha, co único propósito de favorecer a rotación desta máquina polos diferentes establecementos que o soliciten”.
E engadiu: “quedamos en volver reunirnos e ir mirando a ver se sae xa esta semana ou a principios da que vén unha fórmula para que poidamos sacar unha parte do remanente e a onde se pode destinar e de que maneira porque isto ten que estar normalizado e aprobado por normativa do Goberno para poder axudar aos pequenos empresarios e autónomos do noso concello”.