Burela pon en marcha varias medidas nas praias para garantir unha adecuada xestión

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Comité de Xestión de Praias acordou a aplicación de varias medidas para garantir unha adecuada xestión das mesmas no actual contexto de emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19.
19 Xuño 2020

O Comité de Xestión de Praias acordou a aplicación de varias medidas para garantir unha adecuada xestión das mesmas no actual contexto de emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19. Os usuarios dos areais de Burela deberán manter a distancia de seguridade interpersoal, establecida en 1,5 metros, agás no caso dos convivintes; estará permitida a práctica deportiva colectiva, pero sen contacto físico; poderanse empregar as duchas e os lavapés ao aire libre, pero sen utilizar xabóns, champús ou produtos similares. Así o deu a coñecer no día de hoxe a concelleira de Medio Ambiente, que pide responsabilidade á veciñanza e aos turistas. No caso contrario veranse na obriga de sancionar.

Toñi Eijo explicou que “tras a posta de manifesto dos diversos escenarios e problemáticas que poderían darse nesta concreta materia, decidiuse manter os servizos esenciais prestados na praia, se ben coas restricións e medidas impostas tanto polo acordo de 12 de xuño de 2020, do Consello da Xunta de Galicia sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, como polo Goberno do Estado no Real Decreto Lei 21/2021, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19”.

A concelleira de Medio Ambiente insistiu “na necesidade de que as persoas, con carácter xeral, e as persoas usuarias das praias, de xeito particular, deben facer un uso responsable delas e das súas instalacións, tanto desde o punto de vista ambiental como sanitario, cumprindo para iso coas recomendacións, medidas e normas establecidas polas autoridades sanitarias. De xeito específico, deberán manter a distancia interpersoal de cando menos 1,5 metros, así como as medidas de hixiene e prevención establecidas nas referidas normas sanitarias autonómicas e estatais, nomeadamente, o lavado de mans e o uso de máscaras. A situación dos obxectos persoais, toallas, hamacas e elementos similares levarase a cabo de forma que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal anteriormente referida con respecto a outros usuarios, salvo no caso de convivintes”.

A edil burelesa subliñou que “se ben agora está permitida a práctica deportiva colectiva nas praias, débese recordar que non poderá realizarse en ningún caso con contacto físico, e que deberán establecerse as medidas precisas para procurar manter a referida distancia de seguridade interpersoal ou, no seu defecto, a utilización de medidas alternativas de protección física”.

Toñi Eijo contou que “aos accesos e saídas dos areais seguirán estando debidamente indicados, e deberán ser respectados. E no tocante ás instalacións das praias manterase a posibilidade de uso de duchas e lavapés ao aire libre, aseos, vestiarios, parasoles e outros servizos públicos similares –a excepción dos cambiadores -, se ben tal uso só poderá ser realizado por unha persoa cada vez, salvo naqueles supostos de persoas que poidan precisar asistencia, as cales poderán contar co seu acompañante”. As duchas serán individuais. As dobres serán eliminadas.

A concelleira de Medio Ambiente indicou que “se garantirá a instalación dos colectores de lixo no areal para que non haxa presenza de residuos na praia e que así non supoñan un risco para a saúde e integridade das persoas usuarias. E a recollida dos residuos se realizará de forma adecuada e selectiva. Indicar que, se ben a empresa adxudicataria do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos, limpeza viaria, limpeza de praias e xestión do punto limpo municipal, así como a empresa responsable da limpeza das instalacións permanentes das praias, van realizar as tarefas de limpeza e desinfección de todos os elementos mobles e inmobles das praias, porén é preciso que as persoas usuarias das mesmas actúen á hora de usalos con responsabilidade, de xeito tal que utilicen calquera tipo de barreira para evitar o contacto directo coas mesmas ou, no seu caso, realicen unha adecuada hixiene de mans ou de calquera outra parte do corpo, antes de entrar en contacto directo con tales instalacións e elementos – en particular, coas duchas, lavapés, colectores, baños, etc”.

Eijo insistiu en que “entre outras prohibicións a nosa ordenanza de praias prohibe o uso de xabón, champús ou elementos análogos nas duchas situadas nas praias, se ben, como se advertiu, é necesario que se hixienicen adecuadamente as mans e calquera outro parte do corpo que estea en contacto directo con tales elementos e instalacións, antes e despois de cada uso”.

A concelleira de Medio Ambiente engadiu que “as medidas adoptadas polo Concello no marco da normativa sanitaria referida, poderán adaptarse en función do grado de cumprimento que sobre as mesmas teñan as persoas usuarias das praias. Neste sentido, desde a Corporación Municipal pregámoslle novamente á veciñanza e a todas as persoas usuarias das praias que eviten incorrer en calquera comportamento incívico como algún dos detectados nos nosos areais, e, polo tanto, que respecten as recomendacións e ordes desta administración local e das autoridades sanitarias, pois do contrario necesariamente deberanse adoptar as medidas sancionadoras ou restritivas que resulten adecuadas fronte ás persoas responsables do seu incumprimento, e todo elo en defensa do interese superior da saúde pública das persoas usuarias e da cidadanía en xeral. Pregamos pois que todas e todos actuemos con responsabilidade para que, neste contexto de nova normalidade, non sexa preciso retroceder e volver a aplicar medidas de contención máis estritas e, polo tanto, que non sexa preciso ver que o enorme esforzo realizado pola nosa sociedade se vexa frustrado”.

As medidas que se levarán adiante nos areais de Burela foron analizadas polo Comité de Xestión das Praias no contexto da emerxencia sanitaria ocasionada polo COVID-19. Do mesmo forman parte: o alcalde, Alfredo Llano, os concelleiros de Medio Ambiente e Obras, Toñi Eijo e Ramiro Fernández, o persoal técnico municipal responsable dos Servizos de Medio Ambiente, do Centro de Educación Ambiental Gaia, de Obras, de Protección Civil e da Policía Local, así como a persoa representante da nova empresa adxudicataria do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos, limpeza viaria, limpeza de praias e xestión do punto limpo municipal.

0.20528793334961