Burela programa para agosto teatro e cine ao aire libre
A Concellería de Cultura de Burelaprograma para este mes de agosto dúas sesións de cine ao aire libre e tamén teatro na rúa. A primeira película que se proxectará será Dumbo este mércores, 5 de agosto, ás 22:30 horas na praza do Concello.
O concelleiro de Cultura, José Díaz, dixo que “comezamos o mes de agosto coa celebración de AMARTE, esta fin de semana. O balance foi moi satisfactorio, co porto crecendo en vistosidade e en arte, convertendo ese muro portuario nun museo ao aire libre”.
O edil anunciou que “imos ter o vindeiro mércores, día 5, sobre as dez e cuarto da noite, dependendo de cando escureza, na praza do Concello cinema ao aire libre. Imos proxectar Dumbo do ano 2019, é un remake da película clásica. Teremos todas as medidas de seguridade, pedimos á xente que acuda con máscara, haberá hidroxel para a limpeza das mans e esperamos que resulte seguro”.
José Díaz adiantou que “teremos outra sesión de cinema ao aire libre o 19 de agosto na praza dá Mariña, sobre as dez e cuarto da noite, tamén gratuíta”.
O concelleiro de Cultura sinalou que “tiñamos en mente facer algunha actividade máis pero consideramos que hai que ir aos poucos, vendo que pasa coas actividades programadas aínda que non sexan moitas e que vaiamos todos collendo confianza, tanto quen organizo como os nosos veciños. A final de mes, o venres 28, teremos teatro ao aire libre coa actuación de Circo Chosco. Tamén gratuíta e será na praza do Concello, que é a máis ampla”.
José Díaz contou que “tiñamos programado para o día 5 de setembro unha obra de teatro no auditorio. Ía estar aquí Emma Ozores coa obra El último que apague la luz, que foi Premio Nacional de Teatro, pero falando estes días coa compañía, e dadas as circunstancias que aínda non son de tranquilidade en ningures, visto que ademais sería un evento para facer no auditorio, preferimos facelo un pouco máis adiante. Esperamos poder traer esa obra de teatro cunha actriz moi importante e dunha destacada saga. A finais de agosto veremos como podemos planificar setembro dunha maneira segura e que a xente poida ir tranquila a calquera dos eventos que vaian facerse”.