Burela reforza o equipo do Servizo de Axuda no Fogar

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Burela ven de reforzar o equipo do Servizo de Axuda no Fogar con Persoal do Concello que se dedicará a realizar as compras tanto de comida como de medicamentos ás persoas máis vulnerables.
21 Mar 2020

Burela ven de reforzar o equipo do Servizo de Axuda no Fogar con Persoal do Concello que se dedicará a realizar as compras tanto de comida como de medicamentos ás persoas máis vulnerables.

A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, aclara que “o Servizo de Axuda no Fogar séguese mantendo nos domicilios onde aos usuarios se lles realiza atención persoal (aseo, levantarse da cama, mercar medicamentos e comida, administrar a medicación, facer a comida...) non sendo así para os domicilios que soamente recibían atención doméstica, é dicir limpeza da vivenda e que ademais teñen coidadores dentro da propia familia”.

A edil burelesa subliña que “de 67 persoas que se atenden habitualmente con dependencia, séguese a prestar atención de carácter persoal a 39 persoas. Ás outras 28 non se lles fai atención doméstica (limpeza do fogar e saír de paseo), que era o que se lles viña facendo. De feito 10 destas 28 persoas xa nos pediron directamente eles que prescindiramos do servizo. Aos 18 restantes, se non teñen familia, ofrecéuselles ir á compra para evitar que saian da casa”.

Carmela López engade que “no SAF de libre concorrencia, de 28 usuarios, un so tiña atención persoal, que se mantén, e 27 atención doméstica. Destes 27 estanse atendendo 3 porque non teñen familiares cerca e a 13 estáselles indo á compra e á farmacia. Esta medida tomouse falando previamente con cada familia e buscando a súa colaboración”.

A concelleira explica que “a maiores do equipo SAF do Concello para facer as compras de comida e medicamentos, reforzamos este dispositivo con máis traballadores do Concello que agora mesmo non poden desempeñar as súas funcións habituais. Para así centrarnos en poder saír á rúa non soamente para as persoas desas listas senón para todas as persoas vulnerables do noso pobo que non teñen que os coide cerca. Aproveitamos para darvos as grazas pola vosa implicación, e por saír á rúa polo ben de todos. A este equipo de persoas, que irá acreditado, daráselle prioridade nas colas da caixas das tendas de alimentación e farmacias, para que poidan atender ao máximo número de persoas posibles. Ademais, para saír disporán de material e protocolos de actuación estritos para evitar os contaxios”.

López engade: “para isto, xa publicamos un teléfono ao que poden chamar 982.58.13.13. Ademais estamos en contacto cos Centros de Día, Centro de Saúde, Fundación Eu Son, Cruz Roja, Cáritas Parroquial, Centro San Aníbal e tendas de alimentación e farmacias do pobo para que nos vaian enviando información sobre calquera persoa maior ou que pertenza a un grupo de risco para poder garantir que non saian á rúa. Á rúa saímos nós”.

0.12439703941345