Caballero reclama á Xunta dende Monterroso investimentos para o rural
O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, desprazouse este sábado ata a provincia de Lugo para estar no concello de Monterroso.
En declaracións aos medios, Gonzalo Caballero volveu á reclamarlle á Xunta de Galicia investimentos no medio rural para garantir a igualdade de oportunidades de todos os galegos e galegas á marxe de cal sexa o lugar onde residan.
Nesta liña, avogou por que todos e todas teñan “servizos públicos en igualdade tanto no que se refire á sanidade ou á educación públicas, como na atención ao nosos maiores”.
Por iso, incidiu en pedirlle a Feijóo “que se comprometa cos pequenos concellos porque non haberá unha reactivación forte en Galicia se a Xunta non fai unha política de vertebración territorial”.
“Queremos”, defendeu, “que o goberno galego aposte polos municipios do rural e queremos que aposte, dende logo, polos concellos da provincia de Lugo, como Monterroso, onde é necesario que a Xunta cumpra en materia de investimentos e servizos públicos”.
En definitiva, proclamou Gonzalo Caballero, “cómpre que cada galego e cada galega teña os mesmos dereitos independentemente de se vive nunha cidade ou nun concello do rural”.
Con este obxectivo, indicou que “os socialistas seguimos a pé de Galicia, traballando polos galegos e galegas, e dando propostas e respostas aos problemas da cidadanía en cada municipio, en cada bisbarra e en cada recuncho do país”.