Caixa Rural Galega conmemora en Lugo o seu 60 aniversario con preto de 200 empregados

GaliciaXa | LugoXa
A entidade reuniu na finca Val Dúas Soños o seu persoal actual e xubilado xunto aos membros do Consello Reitor para celebrar seis décadas de historia
60-aniversario-caixa-rural
27 Sep 2026

Caixa Rural Galega celebrou este venres en Lugo o seu 60 aniversario cun encontro no que participaron preto de 200 empregados da entidade, ademais de persoal xa xubilado e membros do Consello Reitor. A velada tivo lugar na finca Val Dúas Soños e serviu para conmemorar as seis décadas de actividade da cooperativa de crédito lucense.

O encontro permitiu lembrar as orixes da entidade e recoñecer o traballo das persoas que puxeron en marcha en 1966 a Caixa Rural Provincial de Lugo, así como o de todas as que formaron parte da organización ao longo destas seis décadas.

Durante a celebración tamén se repasaron os principios que marcaron a evolución da cooperativa, entre eles a proximidade, o trato persoal, o coñecemento da contorna e o compromiso co desenvolvemento económico dos territorios nos que está presente.

A entidade lembrou igualmente as dificultades afrontadas ao longo da súa historia. A antiga Caixa Rural Provincial de Lugo foi a única caixa rural galega que se mantivo tras a absorción, nos anos 80, das outras tres entidades existentes nas restantes provincias pola entón Caixa Galicia.

En 2001 adoptou a denominación actual de Caixa Rural Galega e iniciou a súa expansión polo resto de Galicia. Posteriormente, a entidade afrontou a crise financeira de 2008 e a transformación do sector bancario, durante a que desapareceron diferentes entidades históricas. Segundo destaca a cooperativa, conseguiu superar ese período mantendo a súa actividade sen axudas e apoiándose nunha xestión prudente e nos principios que marcaron a súa traxectoria.

Na actualidade, Caixa Rural Galega está presidida por Manuel Varela e dirixida por Jesús Méndez. A entidade conta con 49 oficinas tras as recentes aperturas de Viveiro e Carballo.

A cooperativa afronta esta nova etapa mantendo o seu carácter local e o modelo de banca de proximidade, ao tempo que incorpora os medios tecnolóxicos do Grupo Caja Rural, que actualmente ocupa o sexto posto entre os grupos bancarios do país.

0.15748691558838