Caixa Rural Galega e a Fundación Juana de Vega asinan un convenio para cofinanciar o proxecto Saberes do Monte

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A través de Saberes do Monte apoiaranse as actividades tradicionais vinculadas ao monte en cinco áreas piloto de Galicia para facilitar a conservación de hábitats prioritarios
convenio-caixa-rural-juana-de-vega
4 Mar 2026

Caixa Rural Galega vén de asinar un acordo de mecenado coa Fundación Juana de Vega para ser unha das entidades cofinanciadoras do novo proxecto de bioeconomía Saberes do Monte: Coñecemento tradicional e custodia para un monte vivo, aprobado pola Fundación Biodiversidad no marco de subvencións para o impulso da infraestrutura verde e cofinanciado nun 60% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). En total, Caixa Rural Galega achegará 56.800 euros repartidos en tres anualidades ata finais de 2028 para reforzar o impacto social, ambiental e económico da iniciativa. En concreto, destinarase a apoiar as actuacións para revisión de instrumentos de xestión forestal e a realización de intervencións no territorio destinadas a apoiar o pastoreo extensivo como ferramenta de conservación e prevención de incendios.

A sinatura do mecenado tivo lugar na sede da cooperativa de crédito en Lugo por parte de Manuel Varela López, presidente de Caixa Rural Galega, e de Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega.

A través de Saberes do Monte apoiaranse as actividades tradicionais vinculadas ao monte en cinco áreas piloto de Galicia para facilitar a conservación de hábitats prioritarios. En concreto, a Serra do Xistral, Negueira de Muñiz, Ancares e O Courel (Lugo) e Serra da Groba (Pontevedra). Case 22.000 hectáreas que abarcan os municipios do Valadouro, Muras, Abadín, Ourol, Xove, Alfoz, Vilalba, Negueira de Muñiz, Cervantes e Folgoso do Courel (Lugo), Oia e O Rosal (Pontevedra).

O proxecto integrará coñecemento tradicional, custodia do territorio e restauración ecolóxica para reforzar a infraestrutura verde destas zonas de Galicia e promover a resiliencia fronte ao cambio climático e os incendios forestais. Ademais, consolidarase a marca colectiva Saberes do Monte para valorizar en circuítos curtos os produtos resultantes da actividade de gandería extensiva, apicultura e ecoturismo. Outros eixos estratéxicos do proxecto serán o impulso ao emprendemento rural como ferramenta para fixar poboación e o reforzo da gobernanza participativa, promovendo unha maior presenza das mulleres nos espazos de toma de decisións.

A finais de 2028, o proxecto aspira a demostrar que biodiversidade, bioeconomía rural e emprego verde poden constituír ferramentas estratéxicas para consolidar un monte vivo, produtivo e máis resiliente fronte aos incendios forestais e ao cambio climático.

O consorcio de Saberes do Monte está liderado pola Fundación Juana de Vega e integra un equipo multidisciplinar conformado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade da Coruña (UDC) e a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT). A alianza combina coñecemento científico, experiencia en xestión territorial e traballo directo coas comunidades locais, garantindo unha abordaxe integral que conecta investigación aplicada, gobernanza participativa e intervención práctica no territorio.

0.13190317153931