Cambian de data o cribado de Vilalba e limitan as probas que se farán
O Concello de Vilalba informa aos veciños e ceciñas que xa non recolle máis solicitudes para realizar as probas PCR dentro do cribado voluntario a efectuar no pavillón municipal, debido á situación de colapso dos servizos sanitarios da Xunta polo aumento de casos en toda a provincia.
Ademais, o Sergas comunicou hai uns minutos ao Concello que o cribado será finalmente o venres de 16.00 a 21.00 horas, non mañá.
O cribado diríxese a traballadores e traballadoras do sector servizos (comercio, supermercados, hostalaría, farmacias, gasolineiras, perruquerías...), entendendo que se trata dos colectivos máis expostos.
Sanidade fará o venres 500 PCR neste cribado. É o cupo dispoñible por parte do Sergas, xa que a estas probas hai que unir as que realiza en Vilalba como calquera outro día a positivos e contactos directos. O Concello ten o compromiso do Sergas de que fará novos cribados nas próximas semanas se é necesario.
O concello notificará ás persoas que participarán no cribado o horario no que deben estar no pavillón municipal.
Dende o goberno municipal agradécese a elevada participación, “pois cremos que coa colaboración de todos os veciños e veciñas vamos a conseguir frear a cadea de contaxios e superar esta situación”.
O número de casos diagnosticados por PDIA nos últimos 14 días son 121 en Vilalba, cun incremento importante nos últimos días. Actualmente, segundo datos do Servizo de Saúde, son 137 os casos activos.
O Concello de Vilalba fai un chamamento ao cumprimento das normas e á responsabilidade individual para frear a curva de contaxios.