Cancelados os actos programados en Quiroga Ballesteros

LugoXa
O Concello de Lugo comunica que os concertos programados en Quiroga Ballesteros para este venres, sábado e domingo quedan suspendidos.
24 Jun 2021

O Concello de Lugo comunica que os concertos programados en Quiroga Ballesteros para este venres, sábado e domingo quedan suspendidos ante a imposibilidade de levalos a cabo, xa que as obras de peonalización da praza aínda non foron recibidas pola Administración Local. 

Logo de coñecer senllos informes do servizo de Enxeñería e a Intervención Municipal, os mesmos conclúen que a obra non pode darse por recibida e, por tanto, non é susceptible de entrega ao uso público o que imposibilita, á súa vez, a realización de calquera tipo de acto co obxectivo de non incorrer nun problema de seguridade cidadá. 

Por unha banda, o informe de Enxeñería dá conta de que aínda se atopa pendente a definición dos espazos concretos e horarios para carga e descarga no ámbito de execución dos traballos, así como os accesos dende as zonas aínda non peonalizadas (Bolaño Rivadeneira e praza de Santo Domingo) á rúa Quiroga Ballesteros e ao fondo da praza de Santo Domingo, tanto para o período durante o que se prolonguen as obras de reforma da planta de semisoto da praza de Abastos - dado que a zona prevista para carga e descarga na rúa Tuñas Bouzón está actualmente ocupada por casetas de obra e zona de provisión de materiais e se presume se prolongará un mínimo dun mes máis - coma para a situación definitiva, unha vez desocupada.  

Polo tanto, á vista do exposto anteriormente, débese concluír que as obras non están recibidas na súa totalidade o que ten tamén o seu reflexo no feito de que, en coordinación coa Policía Local, non se retiraran os valos que limitan o libre acceso dende esas rúas ao ámbito recentemente peonalizado.  

A maiores disto, o informe da Intervención xeral dá traslado de que non foi solicitada, tampouco, a asistencia da mesma aos actos de recepción das obras finalizadas – o que constitúe parte esencial do exercicio da función fiscalizadora deste órgano, no eido da comprobación material do investimento efectuado.  

Unha actuación á que obriga o artigo 20.3 do Real Decreto 424/2017, de 28 de abril, polo que se regula o réxime de control interno do sector público local e que dispón que os órganos xestores deberán solicitar da Intervención a asistencia á comprobación material cando o importe do investimento fora igual ou superior a 50.000 euros, con exclusión do IVE. En idénticos términos se expresa, alén, o artigo 13 do Regulamento de control interno do sector público do Concello de Lugo e a Bases nº 29 das de execución do orzamento para o exercicio 2021.  

Ante esta situación e co obxecto de non incorrer nunha neglixencia que pode comprometer a seguridade da veciñanza, quedan cancelados todos os actos previstos nesta zona ata que as obras sexan recibidas polo Concello na súa totalidade. 

0.16622996330261