Candia acusa ao PSdeG de bloquear a recuperación do cuartel de San Fernando para o Museo da Romanización

LugoXa
A portavoz popular en Lugo critica o rexeitamento socialista a un acordo institucional e lembra os compromisos asumidos polo Concello desde 2020
Elena-Candia-no-Pleno-Parlamento-de-Galicia
18 Dec 2025

A deputada do Grupo Popular no Parlamento de Galicia e portavoz do PP no Concello de Lugo, Elena Candia, lamentou que os socialistas galegos rexeitasen no Pleno da Cámara autonómica unha iniciativa que reclamaba a implicación da Xunta de Galicia e do Concello de Lugo na recuperación do edificio do antigo cuartel de San Fernando para que poida albergar o futuro Museo da Romanización.

Segundo explicou, o PSdeG negouse ata en tres ocasións a alcanzar un acordo, tanto coa emenda presentada polo PP como con dúas propostas de transacción formuladas posteriormente, o que, ao seu xuízo, evidencia que “o único que lles importa non é o Museo, senón o partidismo e a confrontación coa Xunta”.

Candia lembrou á ex-alcaldesa de Lugo e actual deputada socialista, Lara Méndez, o compromiso asumido o 4 de marzo de 2020 para que o Museo da Romanización fose unha realidade “si ou si”. Nese momento, segundo sinalou, Méndez marcárase como tarefa que o Concello buscara financiamento complementario ao que ía achegar a Xunta de Galicia para facer viable o proxecto de rehabilitación do inmoble.

A deputada popular criticou que, ante a falta de argumentos para xustificar o que cualificou como unha xestión inexistente do Concello de Lugo, tanto durante a etapa de Lara Méndez como alcaldesa como na actualidade, para conseguir os fondos necesarios que permitisen executar o proxecto, a representante socialista optase por un “debate bronco e irresponsable” en lugar de procurar un acordo que implicase a todas as administracións na realización da obra.

Neste sentido, Candia lamentou que Lara Méndez chegase incluso a rexeitar retomar o acordo acadado pola propia ex-alcaldesa coa Xunta para que o Concello de Lugo xestionase ante o Goberno central a obtención dos fondos europeos necesarios para impulsar o Museo da Romanización. A portavoz popular subliñou que, na súa opinión, o Goberno galego é a única administración que está a cumprir cos seus compromisos, ao levar dous anos consignando a súa parte do financiamento comprometido a través dunha partida específica.

⚙ Configurar cookies
0.07869815826416