Cantar Delas ofrece un concerto de inverno na capela de Santa María de Lugo o 31 de xaneiro

A capela de Santa María de Lugo acollerá este sábado, 31 de xaneiro, ás 19:30 horas un concerto de inverno organizado por Cantar Delas, unha cita musical centrada no repertorio do Renacemento e do Barroco. A formación estará dirixida por Fernando Gómez Jácome e contará co acompañamento de Esperanza Iglesias Méndez ao piano e Dalila Regueiro Romero ao violoncello, nun programa que combina obras históricas con propostas singulares.
Un dos momentos destacados do concerto será a estrea de Duo Seraphim, unha composición da autora italiana do século XVII Cararina Assandra, que se incorpora por primeira vez ao repertorio interpretado en Lugo. A cita terá tamén un carácter especial pola participación, por primeira vez na cidade, do sexteto vocal SondeNós, procedente de Viveiro.
Fundado no ano 2012, SondeNós está integrado por Julia Cea como soprano, Rocío Fernández como mezzosoprano, Txemi Jiménez como tenor, Plácido Travieso como tenor e director, Lucas Iglesias como barítono e Javier Díaz como baixo. A formación conta ademais coa colaboración habitual de Mariña Travieso na percusión e de Teresa López Sancosmed como lectora de textos e presentadora. Aínda que os seus membros son de localidades como Viveiro, O Vicedo, Lugo, A Coruña, Oviedo e Vitoria, todos residen actualmente en Galiza e realizan os seus ensaios de maneira regular no Conservatorio de Música de Viveiro.
O repertorio do sexteto abrangue obras de distintas épocas e estilos, cunha especial presenza de arranxos e composicións de nova creación sobre textos en lingua galega, asinadas polos propios membros do grupo Javier Díaz e Plácido Travieso, o que achega unha identidade propia ás súas interpretacións.