Cantar Delas organiza o proxecto 'Creadoras de Música', un concerto que terá lugar o día 24

LugoXa
Esta acción encádrase no marco do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, co fin de reivindicar as mulleres compositoras
cantar-delas-creadoras-de-musica
20 Nov 2024

Cantar Delas organiza o proxecto 'Creadoras de Música' co obxectivo de dar a coñecer as composicións musicais e as súas creadoras, "postergadas durante séculos á escuridade da historia".

Desta maneira, o vindeiro 24 de novembro ás 19.00 horas O Vello Cárcere acollerá un concerto que comezará coa compositora do S. XII, Hildegarda von Bigen, e rematará coas compositoras contemporáneas: Modesta Bor, Marisa Manchado, Beatriz Corona, Eva Ugalde e a compositora galega Sés.

Así, reivindícase o papel da muller nas Cantigas de amigo medievais, nas composicións anónimas dos Cancioneiros renacentistas, e na transmisión e creación da música tradicional. E, ademais, interprétanse pezas da cantautora Violeta Parra, e da primeira directora de música de España, a coruñesa Mili Porta.

Esta acción encádrase no marco do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, co fin de reivindicar as mulleres compositoras, "pois silenciar a aportación feminina aos distintos saberes é unha forma de violencia, é violencia simbólica".

"Na historia universal faltan as páxinas das aportacións femininas á construción cultural e social. Mulleres escritoras, filósofas, pintoras, científicas e compositoras foron esquecidas, ignoradas e silenciadas por unha sociedade construída en masculino que relegou as mulleres  a un papel secundario,  negándolles o acceso á educación e atribuíndolles como rol fundamental o reprodutivo  e o ámbito privado. Confinadas no xineceo do silencio, as mulleres compositoras  e intérpretes foron invisibilizadas e aínda hoxe, silenciadas. A ruptura do silencio pasa polo coñecemento e o recoñecemento do seu valor e capacidade creativa", sosteñen.

 

0.22317790985107