Cantar Delas organiza un concerto na Biblioteca Pública de Lugo polo 8 de marzo

LugoXa
A actuación celebrarase o 5 de marzo ás 20:00 horas para reivindicar a composición musical feminina e visibilizar ás creadoras silenciadas ao longo da historia
Cantar-Delas
2 Mar 2026

O colectivo Cantar Delas celebrará o vindeiro 5 de marzo ás 20:00 horas un concerto na Biblioteca Pública de Lugo co que se sumará á conmemoración do Día Internacional da Muller, que ten lugar o 8 de marzo. A iniciativa pretende poñer o foco na creación musical feminina e contribuír á súa difusión e recoñecemento.

A proposta parte da reflexión sobre a ausencia histórica das achegas das mulleres na construción cultural e social. Ao longo dos séculos, escritoras, filósofas, pintoras, científicas e tamén compositoras foron relegadas a un segundo plano, esquecidas ou directamente silenciadas nun contexto social que lles limitou o acceso á formación e lles asignou de maneira case exclusiva o ámbito doméstico e reprodutivo. Esa invisibilización afectou tamén ás creadoras musicais, cuxas obras quedaron fóra dos relatos oficiais e continúan, en moitos casos, sendo descoñecidas na actualidade.

Desde Cantar Delas defenden que romper ese silencio implica avanzar no coñecemento e no recoñecemento do talento e da capacidade creativa das mulleres. A través do proxecto Creadoras de Música, o colectivo busca recuperar e divulgar composicións que permaneceron durante séculos á marxe da historia, devolvéndolles o espazo que lles corresponde no patrimonio cultural.

Co obxectivo de facilitar o acceso a esa información e ampliar a difusión da historia da composición musical feminina, a entidade elaborou tamén unha guía específica. Nela recóllense referencias que abranguen diferentes períodos históricos, desde a Idade Media, o Renacemento e o Barroco ata o Clasicismo, o Romanticismo e un apartado dedicado ás creadoras galegas.

0.12377905845642