Cántigas e Frores celebra este sábado o seu tradicional magosto cun obradoiro de baile e música en directo

A Asociación Cultural Cántigas e Frores de Lugo celebrará este sábado, 14 de novembro, o seu tradicional magosto, unha cita que combinará gastronomía, música e baile. A xornada desenvolverase a partir das 19:30 horas no local da entidade, situado na Nave de Asociacións L10 do Parque da Milagrosa.
O programa arrancará cun obradoiro de baile foliadeiro impartido por Damián Seoane, que ensinará aos asistentes algúns pasos para participar na festa. A continuación, as escolas da asociación ofrecerán distintas actuacións e o grupo Os Picurruchos porá música ao concerto da noite.
A celebración incluirá tamén unha cea para a que será necesaria inscrición previa. O menú estará composto por tortilla, empanada, lacón, pan, biscoito, castañas e unha consumición de bebida a elixir. O prezo será de oito euros para os socios e dez euros para os non socios, mentres que os menores de 14 anos poderán participar de balde.
As inscricións poden realizarse a través do formulario dispoñible no perfil da asociación ou mediante unha mensaxe de WhatsApp no número 621 412 800. A entidade sinala que este mércores, 11 de novembro, é o último día para anotarse á cea.
A programación rematará cunha foliada libre aberta á participación de todos os asistentes, que poderán levar os seus propios instrumentos. Ademais, ao longo do evento celebraranse distintos sorteos.