Cántigas e Frores entregará este domingo o Premio da Cultura Tradicional 2026 no Auditorio Fuxan os Ventos

LugoXa
A gala homenaxeará ao Museo do Pobo Galego e servirá tamén para presentar o 43º Curso de Cultura Tradicional Galega que se celebrará en abril
presentacion-actividades-Cántigas-e-Frores-Lugo
12 Mar 2026

A Asociación Cultural Cántigas e Frores e a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo presentaron a gala de entrega do Premio Cántigas e Frores da Cultura Tradicional 2026, que terá lugar este domingo, 15 de marzo, ás 20.00 horas no Auditorio Fuxan os Ventos. O acto servirá para recoñecer o labor do Museo do Pobo Galego, institución homenaxeada nesta edición pola súa traxectoria na investigación, conservación e divulgación da cultura galega.

Durante a presentación, o tenente de alcaldía, Rubén Arroxo, destacou a importancia do tecido asociativo na preservación do patrimonio cultural e subliñou que “desde a Tenencia de Alcaldía seguimos apoiando proxectos que manteñen viva a nosa cultura e que fan da cidade un referente na defensa e promoción das tradicións galegas”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, puxo en valor a traxectoria da Asociación Cultural Cántigas e Frores e o seu traballo continuado na difusión da música e do baile tradicional. A edil lembrou que a entidade leva 78 anos desenvolvendo un labor fundamental para transmitir a cultura galega de xeración en xeración e reafirmou o compromiso da área de Cultura para apoiar iniciativas que contribúan a preservar e visibilizar o patrimonio inmaterial de Galicia.

A gala deste ano contará cun formato especial no que os distintos grupos da asociación ofrecerán actuacións musicais e de baile inspiradas nun percorrido polas diferentes salas do Museo do Pobo Galego. A institución, que cumpre 50 anos de actividade dedicada á investigación, conservación, divulgación e promoción da cultura galega, recibirá durante o acto unha peza conmemorativa deseñada por Intre, ademais doutras sorpresas preparadas pola organización. As entradas para asistir teñen un prezo simbólico de 2 euros e poden adquirirse a través da plataforma entradaslugo.es.

Durante a presentación tamén se anunciou a apertura do prazo de inscrición para o 43º Curso de Cultura Tradicional Galega, unha das citas máis relevantes da programación anual de Cántigas e Frores, que se celebrará os días 2, 3 e 4 de abril de 2026 coincidindo coa Semana Santa.

O curso ofrecerá formación en distintas disciplinas da música e do baile tradicional galego impartida por profesionais recoñecidos. As especialidades confirmadas inclúen baile tradicional con Marcos Botana, canto e pandeireta tradicional con Felipe Sar, gaita con Marina Vigo e percusión tradicional con Daniel Carballo “Maka”. Ademais, nesta edición incorporarase un obradoiro de técnica vocal orientado ao canto tradicional, impartido pola profesora Sara Nebra.

O prezo da matrícula será de 65 euros para o público xeral e de 55 euros para as persoas socias de Cántigas e Frores, e o formulario de inscrición xa está dispoñible a través das canles da asociación.

Maite Ferreiro concluíu sinalando que tanto a gala prevista para este domingo como o curso programado para abril contribúen a reforzar o papel de Lugo como punto de encontro da cultura tradicional galega e permiten achegar estas expresións culturais á cidadanía e ás novas xeracións.

0.12140297889709