Cántigas e Frores levará o himno do CB Breogán á música tradicional galega

LugoXa
A agrupación prepara unha versión de 'Seguimos en pé' que se estreará na semana do Día das Letras Galegas
CB-Breogán-Cántigas-e-Frores
5 Feb 2026

A asociación Cántigas e Frores traballa na adaptación do himno do CB Breogán, Seguimos en pé, a través de instrumentos de música tradicional galega, nun proxecto que prevé estrearse durante a semana do Día das Letras Galegas. A iniciativa supón un encontro entre deporte, cultura e identidade, unindo un dos símbolos do baloncesto galego coa tradición musical do país.

O proxecto foi presentado no Pazo de San Marcos nun acto enmarcado no acordo de patrocinio entre a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o CB Breogán, unha colaboración que impulsa distintas accións de promoción do deporte, da convivencia, da inclusión social e da cultura e do patrimonio na provincia.

A proposta pon o foco na música tradicional como elemento vertebrador da identidade galega e destaca o papel das asociacións culturais na preservación e renovación deste legado, cunha influencia directa no panorama musical actual. Neste contexto, a versión do himno pretende achegar a tradición a novos públicos e reforzar o vínculo emocional entre a afección breoganista e a cultura propia.

Cántigas e Frores, fundada en 1948 e recoñecida como unha das entidades de referencia na conservación, investigación e difusión da música, do baile e do traxe tradicional galego, recibirá ademais o recoñecemento do Pazo no partido do vindeiro sábado entre o CB Breogán e o UCAM Murcia.

⚙ Configurar cookies
0.079319000244141