Cántigas e Frores organiza un obradoiro de confección de agremáns tradicionais con Maite Pérez

LugoXa
A formación, coordinada por Antón Méndez Gándara, desenvolverase en seis encontros entre xaneiro e xuño de 2027
obradoiro-costura-chuo-afundacion
23 Nov 2026

A Asociación Cultural Cántigas e Frores de Lugo organiza o segundo obradoiro do ciclo "De Alfaiates e Costureiras 2026-2027", unha iniciativa coordinada por Antón Méndez Gándara que nesta ocasión estará dedicada á confección de agremáns tradicionais.

A formación será impartida por Maite Pérez, coñecida como A Rolana, que ensinará as técnicas para elaborar estes adornos empregados en pezas da indumentaria tradicional galega, como dengues, mantelas e dianteis.

O obradoiro desenvolverase en seis encontros mensuais, todos eles en sábado, os días 30 de xaneiro, 27 de febreiro, 20 de marzo, 24 de abril, 15 de maio e 26 de xuño de 2027. As sesións terán lugar en horario de mañá, agás a primeira, que se prolongará tamén pola tarde.

Antes de comezar a formación, o xoves 26 de novembro celebrarase unha reunión preparatoria co coordinador, na que as persoas inscritas recibirán información sobre os diferentes modelos que poderán confeccionar, os materiais necesarios e os lugares onde adquirilos.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o luns 30 de novembro, ou ata completar as prazas dispoñibles. O formulario pode solicitarse a través das redes sociais de Cántigas e Frores ou mediante unha mensaxe privada.

O prezo será de 110 euros para os socios da Asociación Cultural Cántigas e Frores e de 120 euros para as persoas non socias. As prazas asignaranse por orde de inscrición e a súa adxudicación comunicarase por correo electrónico. Os membros da entidade terán prioridade no proceso.

0.28963804244995