Carla García López é a gañadora do concurso 'Polos nosos negocios' de Ribadeo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A nena Carla García López, de 9 anos e natural de Ribadeo, é a gañadora do concurso Polos nosos negocios, que foi convocado por Acisa co obxectivo de amosar o apoio dos ribadenses ao comercio e á hostalería locais tras este tempo de confinamento.
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
5 May 2020

A nena Carla García López, de 9 anos e natural de Ribadeo, é a gañadora do concurso Polos nosos negocios, que foi convocado por Acisa co obxectivo de amosar o apoio dos ribadenses ao comercio e á hostalería locais tras este tempo de confinamento. 

Desde a directiva de Acisa lembran que “do que se trataba era de deseñar un cartel e un slogan que animen á xente a facer as súas compras no comercio da vila e a consumir na hostalería local e mais agora, despois de dous meses de peche obrigado pola chegada da pandemia do Covid-19”.

Foron unha ducia os traballos presentados por nenos e adultos nos que empregaron diferentes técnicas de deseño e apostaron por diferentes lemas. A xunta directiva de Acisa analizou os traballos e realizou unha votación da que saíu elixido o cartel e o slogan de Carla García López. No debuxo, moi colorido, pódese ver a dúas persoas camiñando por unha rúa de Ribadeo dirixíndose a mercar a un comercio. O slogan do cartel é o seguinte Merca no teu comercio e fai medrar o teu pobo… aínda que chova. Carla García explica no texto co que acompañou a súa creación que “despois dos duros momentos que estamos a pasar, aínda virán tempos difíciles, aínda seguirá chovendo. Por iso temos que arrimar todos o ombreiro para saír adiante. E unha forma é mercando no comercio local para así axudar a moitos veciños que se gañan a vida vendendo produtos ou servizos. Así estes veciños poderán axudar a outros e así iremos medrando todo pouco a pouco ata que escampe. Por iso Merca no teu comercio e fai medrar o teu pobo… aínda que chova”.

Acisa establecía dous premios únicos de 150 euros cada un en vales de compra. Un premio sería para o mellor cartel e o outro para o mellor slogan. Nas bases considerábase a posibilidade de que o slogan e a imaxe se puidesen escoller por separado entre as diferentes propostas recibidas; pero tamén se podería dar o caso de que a imaxe e o slogan correspondesen a un único traballo. Deste xeito o gañador recibiría 300 euros en vales de compra, porque tería presentado o mellor cartel e o mellor slogan. E iso foi o que aconteceu coa gañadora: “Carla García reflicte perfectamente no seu cartel e no seu slogan ese apoio que demandamos agora para o sector empresarial ribadense”. 

A gañadora do concurso Polos nosos negocios recibirá 300 euros en vales de compra para consumir nos negocios locais de Ribadeo. O premio seralle entregado a principios do vindeiro mes de xuño, “para que poida facer uso no comercio, na hostalería ou nos servizos locais. Consideramos que nese momento haberá moitos negocios abertos en Ribadeo para poder gozar dese premio”. O mesmo ocorrerá cos premios aos gañadores do Concurso de Fotografía do Día do Pai. 

Material de protección para as vindeiras aperturas

A Asociación de Comerciantes, Industrias, Servizos e Autónomos de Ribadeo recibiu hoxe ducias de chamadas de empresarios locais con consultas relativas ás aperturas previstas para hoxe e para a vindeira semana. Acisa establece un número de teléfono de atención permanente para asociados e tamén para aqueles negocios que non sexan socios. É o 663 39 62 26. As persoas interesadas en obter información poden chamar a este número, poden mandar un whatsapp coas súas consultas ou envialas a través do correo electrónico en info@acisaribadeo.es 

A xerencia de Acisa lembra que “a partires do vindeiro luns, 11 de maio, repartiremos entre as nosas socias e socios kits de material de protección, que incluirán mascarillas, xel hidroalcohólico, carteis con recomendacións para os clientes, carteis para os aforos e tamén cintas para o chan coas distancias de seguridade que hai que manter. Ademais distribuiremos guías para comercio, hostalería e servizos con toda a normativa e as recomendacións que deben ter en conta para a apertura dos seus negocios nesa fase da desescalada, nesa nova normalidade á que nos imos enfrontar dentro duns días”. 

Jesús Pérez subliña que “os primeiros en recibir eses materiais serán os nosos socios e socias. E despois esa distribución gratuíta seguirá entre aqueles outros negocios non asociados que así o demanden. Para facerse con eses kits deben poñerse en contacto con nós e crearemos unha lista de espera para facer ese segundo reparto, o que ten ver coas negocios que non son socios de Acisa. Repartiremos ata fin de existencias”. 

Desde Acisa piden calma ao empresariado ribadense: “temos esta semana para a atención vía cita previa nos negocios aos que se lles permite abrir e que así o decidiron. Esta é unha semana de aprendizaxe e de adaptación á fase 1 da desescalada, que dará comezo o vindeiro luns, 11 de maio”. 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19227910041809